24 Xullo, 2017

Aberto o prazo para solicitar axudas das actividades das ANPAS do 2016

A través destas axudas as ANPAS poderán sufragar ata o 100% dos gastos que lle supoñan as saídas culturais, as actividades extraescolares, os encontros e xornadas, así como o mobiliario e o material didáctico

O Concello de Ames aprobou as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS dos centros educativos amesáns ao longo do exercicio 2016. A contía máxima destinada a esta convocatoria de axudas ascende a 20.000 euros. A través destas achegas poderase sufragar ata o 100 % do orzamento total asignado a cada centro escolar para as viaxes culturais, as actividades extraescolares, a organización de encontros e xornadas e a adquisición de mobiliario e material didáctico. As solicitudes para participar nesta convocatoria poderanse presentar durante os 30 días naturais seguintes á publicación da convocatoria no BOP.

As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello de Ames ou en calquera outro rexistro público. O prazo para a presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (o pasado venres, 21 de xullo). As solicitudes deberán achegarse nos modelos normalizados correspondentes, que poden obterse nas dependencias do departamento de Educación. En caso de solicitar achegas para varias actividades, deberá encherse un modelo de solicitude para cada unha delas.

Entre os obxectivos principais desta convocatoria de axudas sobresae o enriquecemento da formación da poboación escolar do Concello de Ames, a través de actividades complementarias á formación regrada que reciben nos centros educativos, así como o fomento da convivencia do alumando fóra do ámbito puramente académico. Ademais, tamén se busca propiciar unha mellora do rendemento por parte da poboación escolar.

As solicitudes deberán achegarse nos modelos normalizados correspondentes, que poden obterse nas dependencias do departamento de Educación

A través destas axudas as ANPAS poderán sufragar ata o 100% dos gastos que lle supoñan as saídas culturais, as actividades extraescolares, os encontros e xornadas, así como o mobiliario e o material didáctico (exercicio 2016). Consideraranse saídas culturais aquelas que inclúan no seu desenvolvemento a visita a lugares ou a asistencia a eventos de carácter histórico ou artístico. As actividades extraescolares serán aquelas que se desenvolvan con carácter estable ao longo dun período similar ao do curso escolar. As xornadas e encontros serán aquelas orientadas á mellora do coñecemento e convivencia do alumando e das nais e pais. Todas estas actividades deberán ir dirixidas ao alumando do centro de ensino que solicita a axuda. Pola súa banda, enténdese como mobiliario e material didáctico todos aqueles elementos necesarios para o desenvolvemento da actividades da ANPAS, como poden ser mesas, cadeiras, taboleiros, libros ou revistas.

A estas axudas poderán optar as ANPAS existentes nos centros educativos de titularidade pública do Concello de Ames, legalmente constituídas e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. As axudas aos centros públicos de máis de 500 alumnas/os, non poderán superar os 3.000 euros; as axudas aos centros entre as 150 e as 500 alumnas/os terán un máximo de 2.000€ por centro; e por último, aquelas que recaian nos centros públicos de menos de 150 alumnas/os, non poderán superar os 750 euros.