A corporación municipal aprobou por unanimidade, no Pleno do 1 de marzo, a solicitude de reversión da parcela cedida para o parque comarcal de bombeiros. Crearase un centro multidisciplinar para a xuventude.
Cómpre lembrar que a parcela EQ3, que está situada no sector S-16 Galdrachán, no Milladoiro, conta cunha superficie de 4.669,39 metros cadrados, e foi cedida na sesión plenaria do 30 de outubro de 2008 á Xunta de Galicia para construír no Milladoiro o parque comarcal de bombeiro.
Dende marzo de 2016 recuperouse a Mancomunidade de Santiago para traballar en varios eidos. Un deles era crear unha comisión de Emerxencias para estudar a mellor opción para o parque de bombeiros da comarca. Tras varias xuntanzas da Mancomunidade e, incluso, despois da sinatura dun documento por parte dos alcaldes de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra, no que solicitaron a construción dun novo parque comarcal de bombeiros, o pasado 7 de febreiro presentouse o Plan de comarcalización do parque de bombeiros de Santiago.
O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “por primeira vez existe una acordo entre as tres partes implicadas, que son Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Santiago, para a comarcalización do parque de bombeiros. Nós, dende que chegamos ao goberno, sempre defendemos que o primeiro era dispor deste servizo. A ubicación do parque era secundario, fose en Ames ou en Santiago. O importante é que se preste este servizo o máis axiña posible. Esa parcela cedeuse en 2008, nun momento no que na contorna de dita parcela, non existía o instituto e maila igrexa do Milladoiro, polo que agora cremos que esa non e a mellor ubicación para dito parque”.
O voceiro do grupo municipal Pacto por Ames, Ramón García Argibay, lembrou que na sesión plenaria do 26 de decembro de 2014 o actual alcalde, naquel momento voceiro do grupo municipal socialista, solicitou que a reversión desta parcela quedase encima da mesa ata que houbese un informe oficial da Xunta de Galicia no que renunciara á construción de dito parque no Milladoiro. Sobre este asunto, Miñones aclarou que a situación actual é moi distinta a de 2014, xa que agora existe un compromiso claro das tres partes implicadas para comarcalizar o parque de bombeiros de Santiago e, ademais, existe un proxecto para a parcela de Galdrachán que será destinada a albergar o centro multidisciplinar para a xuventude, que se sufragará con fondos europeos Feder.