8 Marzo, 2026

8M A Voces documental no que 9 mulleres de Ames reflexionan sobre a igualdade

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Igualdade, celebrou o acto central de conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Dito acto, presentado por Fátima Pego, realizouse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns e estivo protagonizado pola proxección do documental 8M A Voces.

Diana Parente, Laura Rozas, Cristina Álvarez, Concha Sabucedo, Mari Viaño, Cheli Marín, Cristina Sánchez, Tabita Rodríguez e Merlita Álvarez, todas elas veciñas de Ames, son as protagonistas do documental 8M A Voces, no que estas 9 mulleres comparten reflexións arredor da igualdade. Dito documental estreouse esta mañá no acto central de conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, organizado polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Igualdade.

A través dun formato próximo e coidado, o documental 8M A Voces recolle testemuños de vidas reais e diversas, mulleres con experiencias, rutinas e historias diferentes, que comparten reflexións arredor da igualdade, dos avances acadados e dos retos que aínda persisten no día a día. Non hai un só modo de ser muller: cada historia é única, mais todas teñen elementos comúns, desafíos compartidos e unha forza que merece visibilidade. 

Este documental tece un espazo de diálogo honesto, onde a palabra se transforma en ferramenta de memoria, conciencia e transformación social. Máis alá da reivindicación puntual do 8 de marzo, 8M A Vocespretende ser un exercicio colectivo de escoita e recoñecemento, dando visibilidade á diversidade de realidades cotiás e fortalecendo o compromiso co Concello de Ames coa igualdade efectiva entre mulleres e homes. O proxecto pon en valor o grupo, a conversa e a forza das historias compartidas como motor de cambio, lembrándonos que as pequenas vidas cotiás tamén teñen un grande impacto.

Trala proxección documental, abriuse un coloquio coas 9 mulleres participantes no documental que falaron das súas propias experiencias. O coloquio rematou cunha reflexión moi interesante dunha das protagonistas do documental, Laura Rozas, que dixo “non creo que hoxe sexa un día para celebrar, senón que é para conmemorar os dereitos da muller e a igualdade entre todos, dá igual a idade, a nacionalidade. Temos que buscar a maior igualdade posible, para que esta sociedade sexa mellor e máis xusta. Non hai un día para isto, si que é certo que hai instaurado un día, o 8M, pero deberíamos loitar por isto todos os días. Temos que ter en conta que temos o mesmo poder que calquera home e que todas somos válidas para o que nos propoñamos”.  

Intervencións institucionais

De seguido, interviu o alcalde, Blas García, que puxo en valor o papel realizado polas mulleres hai anos e en concreto de súa nai. “Unha muller que ademais de coidar aos seus dous fillos, coidaba tamén a súa nai, facía as tarefas da casa e da horta, e a maiores era mariscadora. Ademais, en moitas ocasións tiña que facer de nai e pai, porque moitas familias naqueles anos tiñan aos seus pais emigrados, polo que tiñan que facer dobre traballo. Conto isto porque creo que reflexa moi ben o traballo que fixeron e fan as mulleres do noso país, facendo de mulleres e homes ao mesmo tempo. Debemos ter presente todos os días a importancia da muller na sociedade galega, e na sociedade en xeral. Os homes temos que involucrarnos máis e estar máis presentes. Estamos nun momento no que están en perigo moitos dos dereitos adquiridos polas mulleres, grazas a vosa loita, polo que debemos de concienciarnos todos e todas e estar xuntos/as”.   

O acto pechou coa intervención da concelleira de Igualdade, Uxía García, e das voceiras dos grupos municipais políticos do Partido Popular, Oliva Agra; BNG, Escarlata Pampín; e Espazo Común, Luísa Feijóo.

A concelleira de Igualdade, Uxía García, dixo “o feminismo une e temos que traballar para que ningunha muller quede atrás, independentemente da súa idade, procedencia, realidade e identidade. Este 8M o feminismo é unión, igualdade e futuro”. Uxía García rematou dando lectura a uns versos dunha veciña amesá, Guadi Galego, que segundo dixo “simboliza moi ben o longo camiño que percorremos as mulleres ao longo da historia, un auténtico exercicio de resistencia que nos fixo chegar a onde estamos hoxe. Hai moito camiño percorrido, pero máis queda por andar”.