A Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas, decidiu rexeitar a solicitude de ampliación do prazo que varios Concellos da área de Santiago realizaran o pasado día 5 para poderen presentar alegacións ao convenio, concretamente ata o próximo día 15. A Dirección Xeral de Mobilidade deu só 7 días hábiles para a presentación de alegacións a un convenio que rexerá o transporte metropolitano dos vindeiros catro anos.
Os Concellos afectados estiman que o prazo dado era insuficiente e manifestan que a negativa da Consellería de Infraestruturas a esta solicitude amosa”unha falta de consideración incomprensible para os Concellos, mais se cabe cando a situación está motivada por unha deixadez da propia Xunta ao non ter achegado este importante documento antes e a pesar de contar con ano e medio para iso”. Lamentan que sexan os municipios quen paguen “polos erros de previsión da Consellería”.
Santiago, Ames, Teo, Brión, Oroso, Negreira e A Baña, todos Concellos da área de Santiago, considéranse “prexudicados pola decisión unilateral da Dirección Xeral de Mobilidade” e critican as formas en que se está a levar este proceso.
Os Concellos afectados solicitaron ao día seguinte da Comisión unha xuntanza para poder falar sobre o prazo de presentación de alegación, que lles parecía moi curto, e das liñas de nova creación, sen que a día de hoxe se comunicara data para dita xuntanza. Así, recálcase que “chama a atención a rapidez na contestación para a solicitude de ampliación do prazo para presentar alegacións e a lentitude para concertar unha xuntanza para sentarse a dialogar”.
Os sete Concellos da área metropolitana de Santiago afirman ter serias dificultades para poder aprobar o convenio antes do 13 de novembro, tal e como obriga a Xunta. A necesidade da súa aprobación vía plenaria limita moito esta capacidade. A día de hoxe nin tan sequera se coñecen as alegacións que se aceptan nin o texto definitivo. Algúns dos Concellos afectados tan só celebran sesións plenarias cada dous meses, polo que de non aprobalo neste mesmo mes sería moi complicada a súa aprobación e obrigaría a celebración dun pleno extraordinario e urxente.
As xustificacións da Dirección Xeral de Mobilidade para rexeitar a ampliación de prazos non lles parecen convincentes. Recordan que a necesidade de facer un novo convenio é coñecida pola Xunta desde a sinatura do último convenio en marzo de 2019, tal e como a mesma Consellería recoñece, por imperativo legal, “tempo máis que suficiente como para ter un documento presentado e consensuado”.
Finalmente, algúns Concellos foron quen de presentar algunhas alegacións en prazo, e outros coincidindo en reclamacións comúns como o reparto do voto, a obriga de mantemento de marquesiñas ou os prazos de anualidades do convenio. Ao igual que nalgunha outra área metropolitana, desde a de Santiago solicítase que á vista das présas e improvisación, o convenio só teña unha vixencia de meses, ou 1 ano, de cara a consensualo entre todos neste tempo.
Para os Concellos a fórmula de representación non é xusta e o mantemento das marquesiñas polas entidades municipais resulta inaceptable, nun momento no que as Administracións locais xa asumen demasiadas cargas non competenciais. Rematan os Concellos solicitando un maior diálogo e información, recordando que a día de hoxe seguen descoñecendo o resultado do proceso de licitación e adxudicación das novas liñas e como afectarán aos horarios e frecuencias.