Icía Ares, atleta do club Ames Atletismo Savante, vén de completar unha gran tempada. Ata o de agora xa posuía o bronce nacional nos 5000 marcha en ruta e os títulos de campioa galega absoluta e sub 18, pero a todo isto sumou o campionato de España sub 18 na proba de 5.000 marcha en pista, logrado o pasado 5 de xullo en Castellón.
Ademais, a atleta do grupo de marcha da adestradora Mayka Jueguen finaliza a tempada coa magnífica nova da convocatoria da selección española de atletismo para disputar o campionato Iberoamericano do 19 e 20 de xullo en Paraguay, a onde acude coa máxima ilusión e con tódalas opcións abertas.
Campionato galego sub 20
Por outra banda, o club Ames Atletismo Savante participou no campionato galego sub 20 con 4 atletas. Nicolás Collazo conseguiu a medalla de ouro na proba de 5.000 marcha; e Gonzalo Aguín tamén se proclamou campión galego en pértega e MMP en xavelina. Ademais, Noa Rey logrou a medalla de bronce no relevo 4×100; e Bruno García que debutaba fóra de concurso no martelo de 6 quilogramos.
Por último, na festa do atletismo celebrada en Pontevedra participou o equipo mixto de relevo composto por Bruno García, Lucía Quintáns, Noa Rey e Gonzalo Aguín. Tamén participaron na proba de 220 vallas; Noa Rey e Lucía Quintáns, quedando primeira e segunda da súas series e logrando o récord galego sub 20 e sub 18.