A Deputación da Coruña e os concellos de Ames e Brión decidiron cancelar a festa da Batalla de Altamira e adiala ao ano próximo en que se conmemorarán os 550 aniversario do acontecemento histórico. O deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, anuncia que se van iniciar as obras de mellora no monumento e a preparación do 500 aniversario da Batalla.
Este sábado 13 de xuño estaba previsto celebrar na comarca da Maía a festa da Batalla de Altamira no aniversario do acontecemento histórico e, entre outras iniciativas, a veciñanza estaba convocada para unha recreación lúdica, festiva e histórica desde a Ponte Maceira até as propias Torres no concello de Brión mais a COVID19 mudou os plans previstos e obrigou a adiar até o ano próximo unha conmemoración que estaban a preparar a Deputación da Coruña, a través da área de Patrimonio e Contratación, e os concellos de Brión e Ames.
Será o ano que vén, cando se cumpran 550 anos da batalla histórica, cando se celebre a festa de recuperación do acontecemento pero antes, a Deputación actuará sobre o monumento de referencia, as Torres de Altamira e anuncia moitas máis actividades de preparación da celebración. As obras da actuación prevista no monumento propiedade da Deputación da Coruña iniciaranse proximamente e até o ano que vén está previsto a publicación dun libro conmemorativo e outras actividades que inclúen música, seminarios ou aplicacións tecnolóxicas.
“Imos poñer a disposición de toda a comarca e a provincia numerosas actividades para recuperar a historia e darlle forza á conmemoración que agardamos sexa popular e implique á veciñanza na súa celebración”, explica o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas.
“Queremos que a da Batalla de Altamira sexa máis que unha festa e se converta tamén en reivindicación histórica, patrimonial e social dun pasado e dun patrimonio ao que finalmente co impulso da Deputación da Coruña e a colaboración imprescindible dos concellos de Brión e Ames se lle vai dar a dimensión que merece tras ser testemuña da historia e de moitos dos acontecementos que tiveron lugar no noso País”, explica Xosé Luís Penas.
Neste sentido, a festa da Batalla de Altamira tiña previsto ser este día 13 de xuño o punto de inicio dunha serie de actividades, intervencións e traballos cos que a Deputación buscaba, segundo o deputado de Patrimonio, “poñer en valor un patrimonio esquecido e que agora ten que ser protagonista principal na reactivación non tan só patrimonial senón cultural e económica de todo o Val da Maía”.
As actuacións seguirán o previsto a non ser a propia festa que, por decisión da Deputación e os concellos pola situación provocada pola COVID19, fica adiada para o ano próximo. “Isto non é mais que un punto e seguido, seguimos a traballar para que o vindeiro 13 de xuño do 2021 e coincidindo co 550 aniversario da Batalla, poidamos ter a festa e a recreación que todos e todas agardamos, e se cadra, con moitos máis folgos e forza”, explica o deputado, que asegura que os meses de traballo das institucións implicadas darán os seus froitos tanto nos próximos meses como o ano próximo.