29 Agosto, 2020

A COVID-19 silencia o Millarock

O Millarock, unha das citas musicais máis emblemáticas de Ames, terá que celebrarse cando a situación sanitaria o permita. A súa edición 2020 cancélase, anuncia o concello, “pola incerteza xerada nestes momentos” sobre a evolución da pandemia. Considérase que “non é a data máis idónea, ante a imposibilidade de dar cumprimento ás normas que se van sucedendo tanto a nivel autonómico como estatal”

A décima edición do Millarock, o festival de música máis importante do concello de Ames, estaba prevista inicialmente para o 31 de xullo, coincidindo como vén sendo habitual co primeiro fin de semana de agosto e co inicio das festas da Madalena do Milladoiro. A situación daquel momento, recentemente saídos do estado de confinamento, levou a reprogramar esta data para o 19 de setembro, coa esperanza de chegar nunha mellor situación sanitaria. É o feito de que isto non sucedese o que levou finalmente a optar pola cancelación. 

A pesar de que aínda quedan uns 20 días para a data do evento, desde a Concellaría de Cultura destacan a necesidade de suspender o Millarock con tempo suficiente, polas características do evento. Así, este xoves, 17 de agosto, aprobouse en Xunta de Goberno Local non adxudicar o contrato do expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado e tramitación ordinaria, do servizo de produción, organización e comunicación do X Festival Millarock.

Ademais, o Concello toma esta decisión con suficiente antelación porque quere ter en conta aos distintos grupos de música que participan no festival é ás empresas organizadoras, para que poidan contar con tempo suficiente para a súa reprogramación, ocasionando os menos danos posibles a todos os axentes implicados.

Para o Concello de Ames a cultura “é segura, e así se está demostrando este verán cunha aposta sen precedentes por actividades culturais e musicais que se están desenvolvendo na rúa”. Ames foi un dos primeiros Concellos en anunciar a continuación da programación cultural tralo confinamento.