29 Outubro, 2021

A Deputación da Coruña súmase á Declaración de Valladolid e aposta pola economía circular

A Deputación da Coruña súmase á Declaración de Valladolid e aposta pola economía circular. O pleno do ente provincial fixo unha declaración institucional para unirse ao compromiso de levar a cabo unha reconstrución poscovid acorde aos principios do Pacto Verde Europeo, baseada na enerxía limpa, a mobilidade sostible, a eficiencia enerxética, o incremento da biodiversidade, a eliminación da contaminación e a loita contra o cambio climático.

A crise mundial que se está a vivir por mor da pandemia da covid-19 puxo en cuestión o modelo actual de crecemento, baseado na produción de bens e servizos dunha forma que conleva o uso intensivo de recursos naturais e unha elevada presión sobre o medio ambiente. Isto está a acelerar o cambio climático e a perda da biodiversidade. Para reverter a situación, é preciso que as Administracións Públicas traballen de forma conxunta e coordinada co sector privado e coa cidadanía para dar  respostas ás necesidades do século XXI.  

A declaración á que se adhire a Deputación sinala o importante papel dos Gobernos Locais en accións de fomento e desenvolvemento deste novo modelo por ser a administración máis próxima á cidadanía. Por outra banda, tamén fai fincapé na necesidade de Desenvolver Estratexias Locais de Economía Circular que permitan diagnosticar a situación da entidade local e do territorio co fin de crear plans de acción acordes.

O texto tamén incide no papel das persoas emprendedoras e promove o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible recollidos na Axenda 2030 fomentando un modelo de desenvolvemento urbano sostible, inclusivo e resiliente, que aumente a demanda de actividades socioeconómicas xeradoras de bens e servizos medioambientais, fomentando un emprego verde e social de maior calidade e garantindo unha Transición Ecolóxica Xusta.

A isto súmanse outras accións como favorecer o uso sostible da auga optimizando a rede de abastecemento e saneamento, promover a eficiencia e aforro enerxético nos sectores comerciais e industriais, favorecer o asesoramento para combater a pobreza enerxética ou ordenar o espazo público para fomentar unha mobilidade sostible, entre outras. A Deputación trasladará a certificación deste acordo á Secretaría Xeral da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

A Deputación amosa o seu rexeitamento á expresión ‘Galicia profunda’

O pleno provincial tamén fixo unha declaración institucional para amosar o profundo rexeitamento á utilización da expresión ‘Galicia profunda’ cara calquera aldea, parroquia, vila, comarca ou cidade galegas. O cualificativo implica unha “cualificación pexorativa e inxustificadamente negativa” para o territorio, “que resulta inadmisible en calquera contexto, máis aínda nunha resolución xudicial”.

Así o manifesta a declaración ante as afirmacións contidas na resolución xudicial do Xulgado de Primeira instancia de Marbella, na que se emprega este temo para facer referencia a unha vila galega, sinalando que a felicidade e o desenvolvemento integral dunha persoa non é posible nela.

A través deste texto, a Deputación sinala que afirmacións deste tipo amosan o descoñecemento total da realidade en Galicia e evidencian “estereotipos e prexuízos moi prexudiciais que non teñen relación coa realidade galega”.

O pleno rexeita a iniciativa da Marea Atlántica para establecer unha moratoria eólica completa en todo o territorio galego

Doutra banda, o pleno provincial rexeitou a moción presentada polo grupo da Marea Atlántica para instar á Xunta de Galicia a establecer unha moratoria eólica completa en todo o territorio galego, eliminando a excepción da paralización temporal proposta pola administración autonómica. Esta contou cos votos a favor da Marea, BNG e Alternativa dos Veciños e os votos en contra do PSdeG-PSOE e o PP.

Esta proposta xorde a raíz do anuncio da Administración autonómica dunha moratoria pola que non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos nun prazo de 18 meses, tendo como excepción “os proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante no territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia”: Unha excepción que, segundo o portavoz da Marea, Alberto Lema, suporía que “a propia Xunta poderá aceptar calquera novo proxecto” polo que solicitou “unha moratoria completa”

Na súa intervención, o portavoz do PSdeG-PSOE, Bernardo Fernández, expresou a posición contraria deste grupo a este primeiro punto da moción. “Parécenos contraditorio, por unha banda falamos dun problema enerxético pero tamén pedimos á Xunta unha moratoria completa en todo o territorio” sinalou. “O que si compartimos é a oposición ao modelo actual, porque entendemos que os parques teñen que respectar á veciñanza e que as empresas deben ter un compromiso social con Galicia e reverter os beneficios e o emprego en Galicia”.

Pola súa banda, a portavoz do BNG, María Muíño, argumentou que se debe “repensar un modelo que dea seguridade para a explotación e o desenvolvemento eólico do país e redunde na xeración de riqueza, retorno económico e unha compensación para as comunidades nas que se van asentar os parques”.

A deputada do PP, Martina Aneiros, sinalou que a moratoria da Xunta busca “racionalizar e estudar detidamente os expedientes recibidos para aceptar os que encaixen e rexeitar os que non”.

Apoio a un servizo de asesoramento e atención ás persoas migrantes, con especial énfase nos Concellos máis pequenos da provincia

A Corporación provincial deu luz verde por unanimidade á moción presentada pola Marea Atlántica para establecer servizos de apoio ás persoas migrantes, sobre todo nos pequenos concellos, que non contan cos medios necesarios para dar axuda. Así pois, a Deputación levará a cabo un plan de atención en coordinación con entidades, Administracións e ONGs que traballen de preto  coas persoas migrantes. Unha proposta que ademais se inclúe no plan de acción en materia de servizos sociais que a Deputación está a desenvolver.