19 Outubro, 2021

A Deputación destinará arredor de 13.000 euros a promoción económica en Ames

A Deputación da Coruña achega 409.921 euros para apoiar a entidades sen ánimo de lucro na organización de actividades de promoción económica na provincia coruñesa. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle onte a concesión provisional desta liña de axudas dirixida a colexios profesionais; entidades asociativas e federativas representativas dalgún sector profesional, comercial ou empresarial; cámaras de comercio; e asociacións de veciños e mulleres rurais. Un total de 73 entidades son as beneficiarias destas subvencións, das cales 11 foron concedidas provisionalmente condicionadas.

As achegas oscilan entre un mínimo de 1.770 euros a un máximo de 7.800 euros e permitirán aos beneficiarios e beneficiarias organizar congresos, exposicións, talleres, cursos de formación, xornadas, estudios e seminarios relacionados coa promoción económica da provincia. Do mesmo xeito, permitirán cofinanciar iniciativas como festas de interese turístico, feiras de artesanía ou de exaltación de produtos típicos da zona como a 39 Feira de Artesanía e Alimentación do Couto, a IX Feira dos Oficios da Montaña, Feirauto, a 36 Nostra Galega de Apicultura ou VIII Exporpymes, entre outras.

Tamén se empregarán as axudas para actividades de promoción, difusión e animación do comercio local, decoración de zonas comerciais, publicidade, revistas ou guías, entre outras.

Segundo indicou o deputado de Promoción Económica e alcalde de Ames, Blas García “con esta importante achega económica queremos dar apoio ao comercio e á hostalaría local, moi afectados pola crise económica derivada da pandemia, así como impulsar o desenvolvemento económico da provincia e fomentar a creación de emprego”.

En Ames estas axudas beneficiarán á Asociación de Empresarios de Bertamiráns e á Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro. que recibirán 5.670 e 7.500 euros respectivamente. No primeiro caso, o obxecto das axudas é o de actividades 2021. No segundo, trátase da Estratexia 2021 de especialización Intelixente para aumento da productividade en empresas