1 Marzo, 2022

A Deputación insta á abolición da prostitución

Plenario da Deputación

A Deputación da Coruña demandou en Pleno melloras no ámbito da saúde mental e tamén a abolición da prostitución e da trata de mulleres e nenas. As mocións, presentadas polo grupo socialista, alertan da urxencia de establecer medidas efectivas nas administracións para conquerir estes obxectivos.

A moción socialista, aprobada por unanimidade afirma que “a prostitución e a trata para a explotación sexual de mulleres son as manifestacións máis crueis e violentas da desigualdade” e subliña que “a abordaxe da trata con fins de explotación sexual non pode desligarse do fenómeno da prostitución porque é a demanda de prostitución a principal causa do aumento da trata de mulleres e nenas”.

O texto explica que “España é un dos países onde máis mulleres e nenas son prostituídas, cun 39% dos homes que acudiron á prostitución polo menos unha vez na súa vida, con moita distancia respecto aos demais países que se sitúan preto do 19%, a media europea”.

“É necesaria unha resposta máis contundente por parte de todas as administracións” e, por iso, ínstase “ao Goberno de España a que elabore unha Lei Contra a Trata de Seres Humanos con Fins de Explotación Sexual que teña como obxectivo a abolición da prostitución no noso país” e pídese que se impulse “no marco das competencias autonómicas/municipais medidas de sensibilización e formación sobre a vulneración dos Dereitos Humanos que supón a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e a favor da prostitución”. Ademais, o texto apunta á creación dun novo programa provincial de igualdade que poña o foco neste asunto e que  “todas as administracións a que traballen de forma efectiva pola desaparición dos espazos onde se promova a prostitución e poñan en marcha programas de protección e apoio integral para as mulleres prostituídas”.

No texto sobre saúde mental, aprobado con 15 votos a favor de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e 11 votos en contra do PP  cualifícase a este ámbito como “un dos graves problemas de saúde que está a padecer a nosa sociedade en xeral” e lémbrase que “a ratio de profesionais existentes en Galicia en función da poboación coloca a esta comunidade á cola de España en todas as categorías” ademais de que “os datos sobre suicidios situán a Galicia entre as comunidades con peores datos porcentuais”. A moción insta a  “promover a conexión entre os servizos de saúde mental e a atención primaria”, a “desenvolver de maneira efectiva o Plan Galego contra o Suicidio”, a “promover formación sobre saúde mental para profesionais dos Servizos Sociais e programas de intervención comunitaria sobre a promoción da saúde mental na poboación xeral”.