O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, compareceu esta mañá ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para presentar o Orzamento 2021 da institución provincial, que ascende a 184,5 millóns de euros e se caracterizará por ser “o máis social e o de maior aposta polo emprego da historia da Deputación”, co obxectivo de facer fronte ás consecuencias da pandemia.
González Formoso afirmou que o Orzamento, que vén de ser aprobado sen ningún voto en contra no pleno do pasado venres, contempla un ano máis que todos os plans e investimentos da Deputación serán financiados con recursos propios, mantendo a “débeda cero” da institución provincial e subliñou a suba que experimentan partidas coma a da área social, que alcanza os 27,4 millóns de euros (+137%) para axudar a paliar as consecuencias da pandemia, ou o emprego, que se incrementa ata os 16 millóns de euros (+76%) para impulsar a reactivación económica na provincia.
O presidente da Deputación da Coruña sostivo que “os orzamentos de todas as administracións están condicionados polos efectos da emerxencia de saúde pública provocada pola pandemia do Covid-19 e a conseguinte perturbación da economía, de alcance global” e considerou que “esta crise sen precedentes require, máis que nunca, da acción coordinada dos diferentes niveis institucionais galegos e de todos os axentes económicos e sociais, públicos e privados”.
“Como fixen no mes de marzo, volvo convidar ao presidente Feijoo a que convoque a os presidentes e presidentas das deputacións, a Fegamp e á representación do Estado en Galicia para crear unha mesa de coordinación co obxectivo de acordar unha estratexia común fronte ao gran reto da recuperación post covid”, afirmou González Formoso.
Participación das entidades locais nos Fondos de Recuperación Europeos
Neste sentido, defendeu a necesidade de promover “un marco de colaboración estable” entre administracións que permita “optimizar os recursos e reducir a burocracia”, co obxectivo de avanzar cara un cambio de modelo económico que aproveite o gran potencial de Galicia en campos coma o sector primario, a industria, ou o coñecemento e a innovación “e que nos permitan tamén aproveitar oportunidades coma os Fondos Europeos de Recuperación, que serán claves para a modernización e o desenvolvemento de Galicia e da provincia da Coruña nos vindeiros anos”.
Neste sentido, reclamou “a participación activa e efectiva das entidades locais de Galicia na definición, destino e execución dos Fondos Europeos de Recuperación”.
Insistiu tamén na necesidade “dun novo Pacto Local que actualice a relación de competencias e concrete o financiamento das mesmas”, en base a un “acordo amplo de todas as forzas políticas”.
O presidente da Deputación da Coruña afirmou que os Orzamentos da Xunta de Galicia “non adecúan a súa asignación aos concellos ao custo das competencias que lles atribúe a normativa autonómica” e subliñou que “son numerosas as competencias e obrigas que a Xunta deriva a concellos e deputacións sen dotalas de financiamento”.
Apuntou que servizos públicos de competencia autonómica coma recollida e tratamento de lixo, depuración de augas residuais, servizos sociais, protección animal ou extinción de incendios “son realmente prestados polas entidades locais sen o financiamento autonómico axeitado” o que, ademáis de restar recursos económicos para as competencias propias do mundo municipal “limita as posibilidades dunha programación e unha xestión coordinada”.
O presidente provincial citou tamén como exemplo os 10,6 millóns de euros que a Deputación destina cada ano a manter os centros educativos e de protección de menores que segue xestionando a día de hoxe (Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña, Centro de Día de Menores de Ferrol, IES Calvo Sotelo e IES Puga Ramón…) a pesar de que Educación e atención a menores son competencias da administración autonómica.
Un ano máis, reclamou a participación da Deputación no Fondo Galego de Cooperación Local co obxectivo de destinar estes recursos a cuestións como a promoción do emprego ou accións concertadas nos diferentes ámbitos de actuación compartida, coma servizos sociais, fomento da cultura e o deporte, promoción turística, medio ambiente ou atención a emerxencias.
Servizos sociais e emprego, prioridades da Deputación en 2021
O presidente destacou que servizos sociais e emprego serán as prioridades nos investimentos da Deputación en 2021.
O principal programa provincial de cooperación municipal, o Plan Único, sube dos 47,2 aos 64,6 millóns de euros en 2021 e inclúe por primeira vez unha partida de 14 millóns de euros que se destinarán en exclusiva a axudar aos concellos coruñeses nos gastos sociais extraordinarios derivados da pandemia, favorecendo a protección social dos colectivos máis desfavorecidos.
Máis de 50 millóns de euros do Plan Único destinaranse a investimentos que axudan a reactivar a economía, crean emprego e melloran os servizos e infraestruturas dos 93 concellos da provincia da Coruña. Neste sentido, o presidente lembrou que, desde a súa creación hai tres anos, o Plan Único financiou 2.257 obras na provincia, contribuíu a sanear as economías dos concellos, reducindo a débeda en máis de 11 millóns de euros e converteuse nunha ferramenta imprescindible para o mantemento dos servizos básicos municipais na provincia da Coruña.
A aposta polo emprego seguirá sendo tamén unha das prioridades da Deputación da Coruña, que reforzará o seu investimento en 2021 cun orzamento inicial de 16 millóns de euros para o Plan de Emprego Local (PEL), que permitiu a creación de 3.316 enpregos nos últimos catro anos e que este ano de pandemia destina 12,5 millóns de euros a unha liña especial de apoio a autónomos e microempresas (PEL-Reactiva), que rexistrou máis de 10.000 soliictudes en toda a provincia e que se complementará en 2021 con outros 3 millóns destinados a apoiar os plans de apoio á hostelería e pequeño comercio das cidades da Coruña, Santiago e Ferrol.
Tamén se incrementa de forma notable o orzamento en Desenvolvemento Territorial e Medio Ambinte, que sobe nun 86% ata os 4,7 millóns de euros e permitirá que en 2021 se fagan realidade proxectos coma a Vía Verde Santiago-Cerceda ou o investimento en estradas provinciais, que se incrementa ata os 18,5 millóns de euros incluindo os plans de travsías, sendas peonís, conservación e investimento nos 2.100 quilómetros de estradas proviniciais.