O Concello de Ames acolleu este mércores, 29 de abril, unha nova edición da Feira das Profesións. Unha iniciativa desenvolvida polos departamentos de orientación do IESP de Ames e o IES do Milladoiro co obxectivo de achegar ao alumnado e familias información de interese arredor de toda a oferta educativa dispoñible no país. Nesta edición, ata 46 stands encheron o pavillón municipal de Bertamiráns, que acolleu un total de 850 alumnos dos centros de secundaria do concello.
Un ano máis, os departamentos de orientación do IESP de Ames e o IES do Milladoiro volveron celebrar a Feira das Profesións, unha iniciativa destinada a achegar a alumnado e familias a gran cantidade de alternativas dentro da oferta formativa galega. Este ano, no que foi a sétima edición do proxecto, o pavillón municipal de Bertamiráns acolleu un total de 46 stands entre os que se atopaban as diferentes institucións que compoñen a comunidade educativo e os corpos e forzas de seguridade.
Deste xeito, toda a rede educativa galega estivo representada ao contar coas tres universidades públicas (Santiago de Compostela, Vigo e Coruña), o Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), o Instituto de Medicina Forense, o Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) e demais ensinanzas de réxime especial, como conservatorios e escolas de pilotos, auxiliares de voo ou idiomas. Tamén se contou coa presenza da Dirección Xeral de Formación Profesional.
A Universidade de Santiago de Compostela, a máis antiga de Galicia, foi a entidade máis representada, con ata doce das súas facultades e centros, tanto do campus de Santiago como do campus de Lugo. Entre elas, destacaron a Facultade de Ciencias da Educación, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría ou a Facultade de Química.
Outra das ramas que máis representación tivo na Feira foi a dos corpos e forzas de seguridade. A Armada, a Policía Local, a Policía Nacional, a Garda Civil, os Bombeiros de Galicia e incluso a agrupación de Protección Civil de Ames orientaron aos rapaces e rapazas dos institutos amesáns e descubríronlles facetas da súa profesión que descoñecían.
Durante a xornada da mañá, acudiron ao evento o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Educación e Mocidade, Beatriz Martinez, e concelleiros/as do goberno municipal como Susana Señorís, Gustavo Nieto e Javier Antelo.
O alcalde de Ames, Blas García, salienta a relevancia destes eventos “como punto de partida fundamental para que a mocidade poida orientar o seu futuro profesional e descubrir saídas laborais que, doutro xeito, poderían non ter considerado. Para Ames ten unha importancia maior que para outros concellos debido a que temos a media de idade máis baixa de Galicia e somos un concello que medramos ano a ano”.
Tamén asistiron persoeiros do eido educativo e profesional, como a decana da facultade de Ciencias Políticas, Marta Lois, ou o Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva. Xa na sesión de tarde, clausurarán a convención o alcalde de Ames, Blas García; a Directora Xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez; e os/as directores/as do IESP de Ames e o IES do Milladoiro, Marisol Louro Lestón e David Ponte Iglesias.
Orientación formativa e laboral
O evento lévase a cabo durante todo o día, en horario de 09.15 a 14.00 horas para o alumnado dos institutos de Ames e de 16.00 a 18.30 para todas aquelas persoas interesadas en descubrir a oferta formativa galega. Esta é unha iniciativa dirixida á comunidade educativa, xa que permite, por un lado, recoller información sobre os eidos que causan maior interese, e polo outro, descubrir aos alumnos intereses que estes non contemplaban.
Este formato, ademais, permite facer consultas de xeito informal e distendido nun ambiente totalmente oposto a unha charla indicativa clásica. A Feira das Profesións é unha iniciativa por e para os alumnos e alumnas, e que estes poida tomar decisións de maneira máis sinxela e así construír unha idea máis clara do futuro que queren.