As áreas rurais de Ames mellorarán a súa conexion a internet grazas ao Plan de Despregamento de fibra óptica, unha renovación da rede actualmente existente coa que se pretende que un mínimo do 80% do municipio conte con ligazón de alta velocidade a internet. Non haberá, a priori, obra para o tendido de novo cablrado.
O Plan prevé actuacións naPonte Maceira, Barouta, Castiñeiro do Lobo, Seares de Arriba, Ventín, Framil, Raices, as Buceleiras, Eira Pedriña, Firmistáns, Quistiáns, Capeáns, a Igrexa, Cantalarena, o Pedregal, a Tarroeira, Ameixenda, Cortegada, Folgueira, Montemaior, Sura, o Vilar, a Garea, Arufe, Gasamáns, Novais, o Pazo, Piñor, a Ponte Nova, Sandar, o Mercuto, Quintáns, Lens e Miso.
Maior velocidade
A tecnoloxía de fibra posúe unha grande velocidade na transmisión de datos. É a tecnoloxía ideal para os xogos online de última xeración e para os servizos de vídeo conferencia de alta cualidade. A súa capacidade e cualidade de transmisión é excelente debido a que o sinal é inmune a interferencias externas.
Cómpre salientar ademais que esta tecnoloxía ofrece unha maior seguridade na transmisión de datos e a capacidade de conectar varios dispositivos á vez (ordenadores persoais, consolas, televisión, etc) sen perder a velocidade nin a cualidade nas videoconferencias, na transmisión HD ou nos elementos de domótica.
Estudos previos
Antes do inicio do Plan de Despregamento, o persoal de Telefónica deseñou un anteproxecto da rede de alimentación e unha asignación de zonas a cubrir por cada unha das árbores de alimentación que parten da Central cabeceira. Unha vez identificadas estas zonas, realízase o estudo técnico de identificación das fincas incluídas en cada zona.
Entre o 80 e o 90 por cen do municipio contará con fibra óptica
En breve, comezarase coa solicitude dos permisos particulares, así como cos Estudos Técnicos de campo que permitirán redactar os proxectos que recolle a Rede de Distribución de fibra óptica que dará servizo a cada un dos veciños do municipio. Dependendo da consecución dos permisos, no período indicado poñerase en cobertura FTTH entre o 80 e o 90 por cen da poboación amesá.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, mantivo na pasada semana unha xuntanza por video conferencia cos responsables de Telefónica onde solicitou un despregamento de fibra canto antes. Miñones declarou que “o Concello é coñecedor da situación actual e da fenda dixital que isto supón e que quedou de manifesto recentemente coa situación da pandemia”.