A Forxa da luz, Fin de xornada e Xagal, as tres fotografías premiadas no XI Certame de Fotografía Comercial da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro

O primeiro premio do certame, dotado de 500€, foi para Samuel Pájaro Otero, co seu traballo A Forxa da luz. Unha fotografía na que se aprecia un soldador en pleno traballo e que aproveita de maneira maxistral a luz propia da escena xerada polas iscas das ferramentas e que logra un contraste harmonioso nun entorno escuro.

En segunda posición, cun premio de 400€, atópase Aarón Sánchez coa súa fotografía Fin de xornada. A imaxe componse dun primeiro plano forte dun cartel do parque empresarial do Milladoiro que recibe de pleno a luz solar do solpor. Un traballo no que destaca o carácter narrativo e atmosférico. 

Completando o podio, cun premio de 300€, a fotografía Xagal, de Isaac Mayo Figueroa, instantánea ao vehículo da empresa de xanelas e cerramentos coa cerraxería máis robusta do mercado: Kommerling, na que o fotográfo aproveita a luz natural co ceo cuberto, de forma que as nubes actúan como difusor suavizando sombras duras. O ambiente escuro resalta as cores corporativas, azul e branco do vehículo.   

A exposición de todas as fotografías presentadas ao concurso poderá ser visitada de maneira presencial ata o sábado 31 de xaneiro no segundo andar da Casa do Cultura do Milladoiro ou virtualmente no Facebook da asociación de xeito indefinido

No seu discurso, o presidente da Asociación do Parque Empresarial Novo Milladoiro quixo destacar o compromiso de todas as empresas asociadas coa vida social e agradeceu ao alcalde do Concello de Ames, así como os demais representantes da Corporación presentes, a colaboración neste evento, que atrae fotógrafos de toda Galicia, superando unha vez máis a calidade das obras presentadas a concurso.