25 Novembro, 2020

A hostalería presenta un plan de desescalada

A Asociación Hostalería Compostela fixo pública nas últimas horas unha proposta para a desescalada no sector. Os hostaleiros poñen como exemplo o caso madrileño, onde “non se chegou a pechar a hostalaría” pero “a incidencia experimentou unha enorme baixada”. Consideran que este modelo “demostrou a súa eficacia” e úsano como referente na súa proposta.

Recordan, ademais, que, segundo datos do Ministerio de Sanidade antes do último peche da hostalaría, os gromos que se producen nos locais de ocio eran un 2,1% dos totais, representando o 4.7 % do total de caso activos. En base a ese dato conclúen que a hostalaría non é o obxecto central sobre o que deben pilotar as medidas de contención da pandemia da COVID-19.

A hostalería solicita un Plan, revisable no medio prazo, en base a datos concretos da situación sanitaria, para que as restricións “se apliquen en base a datos concretos e obxectivos”. Piden que nese Plan se recollan “as medidas necesarias de protección das persoas e dos negocios que finalmente, en base ás propias características do local, non poidan desenvolver a súa actividade coas medidas adoptadas”.

Os hosteleiros lembran a especial importancia da transmisión do coronavirus por pingas e aerosois, que quedan suspendidos ata horas no aire e poden ser inhalados mesmo en ausencia do emisor. A cuestión dos aerosois é máis importante que a distancia social, conclúen. Entenden que a medida máis efectiva ante esta realidade é a limitación de capacidade máxima, a prioridade dos espazos exteriores e a ventilación do espazos interiores, natural sempre que sexa posible.

Con base nesas consideracións, propoñen a posibilidade de instalar medidores de CO2 nos interiores dos locais co obxecto de poder aumentar as limitacións de capacidade en base a datos concretos. Tamén presentan a posibilidade de reforzar con ventilación mecánica aqueles locais que poidan ter unha ventilación natural insuficiente. Estas medidas serían impulsadas pola Administración mediante unha orde de axudas específicas.

A maiores, propoñen levar un rexistro de reservas nos restaurantes, espazos onde habitualmente se está un maior espazo de tempo, co obxecto de poder acceder facilmente aos contactos en caso de producirse a presenza de algún contaxio coincidente na mesma franxa horaria.

Igualmente, propoñen que se estableza a recomendación de limitar ou anular fíos musicais nos restaurantes cando a capacidade estea ao límite, para evitar que a xente teña que falar máis alto e emitir un maior nivel de aerosois.

Outra recomendación proposta é a de acortar o tempo de estancia nos interiores para as outras actividades, cafeterías e bares, cuestión que minimiza o risco de contaxio.

Propostas de horarios, limitacións de capacidades e agrupacións de persoas
A hostalería propón a ampliación do toque de queda ás 00.00 h, permitíndose entradas ata as 23.00 h. Tamén o distanciamento físico de 2 metros entre mesas ou agrupación de mesas, o que garante 1.5 m entre persoas

A barra será considerada nesta proposta unha mesa única. A limitación de capacidade da barra virá determinado pola lonxitude da mesma, e determinarase en base ao distanciamento de 1.5 m/persoa. A agrupación de persoas non poderá superar o total permitido da mesma e en ningún caso o total máximo establecido en función das distintas situacións sanitarias. O aforo da barra estará especificado e visible e manterá a distancia de 2 m co resto de mesas.

Piden ademais permitir que os locais de ocio nocturno poidan desenvolver a actividades propias de café e bar no mesmo horario que o resto de establecementos, horario que teñen permitido nas súas licenzas. Actividades, así mesmo, para as que está habilitadas polo feito de contar cun permiso cunhas necesidades técnicas superiores ás de cafeterías e bares, explican.

Por último establecen a capacidade máxima do local en base ás distintas situacións sanitarias nos distintos territorios. Naqueles en alerta vermella, o aforo interior será do 50%, e o exterior do 75%. A agrupación máxima será de 6 persoas, non necesariamente conviventes.

En alerta laranxa, o aforo interior limítase ao 50%, co exterior no 100%. A agrupación máxima sería de 10 persoas non necesariamente conviventes.

Nas zonas en alerta amarela o aforo interior da hostalería ficaría no 75 %, 100% en exteriores. Poderían xuntarse ata 15 persoas, non necesariamente conviventes.

A hostalería das zonas en nivel verde funcionaría ao 75 % en interiores e a plena capacidade en exteriores, permitíndose os grupos de ata 25 persoas.