A segunda edición da Feira do voluntariado e o Encontro intercultural de Ames celebrouse esta fin de semana no Pazo da Peregrina de Bertamiráns con notables cifras de asistencia. Baixo o lema “Sementando Voluntariado”, a xornada reuniu o tecido asociativo local para intercambiar experiencias, sumar novas persoas voluntarias e coñecer ata trece culturas e nacionalidades distintas e as súas gastronomías.
Un total de dezasete stands de diferentes entidades estiveron acompañados de diversas actividades ao longo da xornada. Deste modo, tiveron lugar coloquios, mesas redondas, exposicións ou xogos. A xornada arrincou ás 10h cun acto de inauguración onde estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijoo; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos.

“Cumprimos os obxectivos principais da xornada, que eran proporcionar un espazo para establecer sinerxías entre asociacións e que estas sumasen novas e novos voluntarios e colaboradores. Ademais, incluír por primeira vez na feira o noso Encontro intercultural foi un grande éxito, cunha recepción moi positiva por parte da veciñanza e de todas as persoas que se achegaron ata a feira”, destacou a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijóo.
