Este xoves, 30 de abril, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de abril. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación inicial da ordenanza do servizo de taxi; o mantemento de tarifas aplicables aos servizos urbanos de taxis; a aprobación da devolución da garantía definitiva mediante póliza de seguro de caución do servizo público do ciclo integral da auga; a subsanación de deficiencias do proxecto para a mellora e acondicionamento do parque de Pardiñeiros (O Milladoiro); adhesión ao convenio para o desenvolvemento da rede de Concellos contra o acoso escolar; e a aprobación inicial da modificación do regulamento do programa Xantar na Casa. Ademais, abordaranse catro mocións presentadas polos grupos municipais do Partido Popular, BNG e PSdeG-PSOE. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Neste apartado tamén se dará conta de catro actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de marzo e abril. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta da sesión ordinaria do mes de marzo celebrada o 26 de marzo de 2026.
A continuación, debaterase a aprobación inicial da ordenanza reguladora do servizo de taxi do Concello de Ames. A aprobación desta ordenanza nace da necesidade de contar cunha regulación do sector do taxi adaptada á realidade social e económica do concello de Ames, procurando a mellora da calidade da prestación do servizo tanto para o profesional do sector como para as persoas usuarias, guiados en todo momento polo interese social e ambiental. A ordenanza estrutúrase en catro títulos.
O primeiro título divídese á súa vez en dous capítulos, que regulan polo miúdo o réxime xurídico das licenzas como título constitutivo da posición xurídica do taxista e da súa relación co Concello e co servizo público, así como a constitución dun rexistro municipal para os efectos de establecer un mellor control e unha maior seguridade xurídica para a persoas interesadas. Do seu contido tamén cómpre destacar a regulación en materia de outorgamento, transmisión, suspensión e vixencia das licenzas, tendentes en todos os casos á mellora técnico-xurídica e á adecuación das previsións normativas ao marco legal e xurisprudencial vixente, así como ás condicións socioeconómicas do sector.
O segundo título regula a actividade do taxi, dividido en tres capítulos dedicados ás persoas condutoras, aos vehículos e ao servizo do taxi. Destaca a regulación da posibilidade de contratar condutores asalariados e a figura de autónomo colaborador, co obxectivo de dotar ao sector dun medio flexible para poder axustar a oferta do servizo ás naturais flutuacións da demanda, dereitos e a liberdade do taxista, empresario autónomo.
O título terceiro preocúpase de definir o estatuto xurídico das persoas usuarias do taxi, coa enumeración dos seus dereitos –xa definidos no título anterior– na idea de facilitar a súa consulta, e dos deberes que calquera persoa usuaria do servizo público do taxi debe observar na súa utilización. Por último, o título cuarto contén a regulación da actividade inspectora e o réxime de infraccións e sancións, adaptada á lexislación vixente e doutrina xurisprudencial dos últimos anos, coa finalidade de conseguir unha adecuada técnica da regulación, aspecto básico para garantir a eficacia da ordenanza no seu conxunto.
Neste mesmo senso, no seguinte punto da orde do día, abordarase o acordo relativo ao mantemento de tarifas aplicables dos servizos urbanos de taxis no concello de Ames para 2026. A proposta é manter vixentes as tarifas aprobadas polo Pleno municipal o 28 de maio de 2025 e publicadas no BOP o 22 de outubro de 2025.
Ciclo integral da auga
De seguido, tratarase a aprobación da devolución da garantía definitiva mediante póliza de seguro de caución do servizo público do ciclo integral da auga do Concello de Ames. O Pleno do Concello de Ames na sesión celebrada o 29 de decembro de 2016 adxudicou á empresa Espina & Delfín o contrato de xestión indirecta do servizo público do ciclo integral da auga. O servizo iniciou a súa actividade o 16 de xuño de 2017 e finalizou o 31 de marzo de 2024, pasando dende o 1 de abril de 2024 a xestión directa pola Empresa Pública Local Augas de Ames. A empresa Espina & Delfín constituíu unha garantía definitiva, por importe de 100.000 euros, mediante seguro de caución. O pasado 11 de agosto de 2025 a empresa Espina & Delfín SL, solicitou a devolución da garantía definitiva constituída.
Mellora do parque de Pardiñeiros
Outro dos temas que se van abordar é a ratificación dos decretos da Alcaldía sobre a subsanación de deficiencias do proxecto de mellora e acondicionamento do parque de Pardiñeiros (O Milladoiro) incluído no POS+ 2026. Os servizos técnicos da Deputación enviaron dúas comunicacións indicando a necesidade de corrixir cuestións de índole técnico. As correccións aprobadas non teñen transcendencia algunha no deseño das obras, nin nas súas funcionalidades, nin no seu importe de execución.
Rede de Concellos contra o acoso escolar
A continuación, debaterase sobre a adhesión do Concello de Ames ao convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e formación profesional da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento da rede de Concellos contra o acoso escolar. Este convenio establece os mecanismos para consolidar unha rede de apoio territorial que non só interveña ante situacións de acoso escolar, senón que actúe de forma preventiva para garantir o benestar e desenvolvemento integral do alumnado galego nun clima de convivencia positiva.
Programa Xantar na Casa
Ademais vaise tratar a aprobación inicial da modificación do regulamento do programa Xantar na Casa do Concello de Ames. Dito regulamento foi aprobado polo Pleno o pasado 27 de febreiro de 2025. Neste tempo de vixencia o persoal técnico efectuou un balance no que se detectaron diferentes necesidades de revisión da referida ordenanza municipal, observando aspectos técnicos e sociais, que resultan de interese incluír no texto do regulamento, ou ben corrixir na súa redacción actual.
Nos últimos meses produciuse unha subida xeneralizada do prezo dos alugueiros e dos custos asociados á vivenda habitual. Este incremento está a afectar de forma especial ás persoas maiores e/ou en situación de vulnerabilidade, que constitúen o principal perfil beneficiario do servizo. A vivenda é, polo tanto, un gasto estrutural e ineludible que condiciona de maneira determinante a súa capacidade económica real.
Apartado de mocións
Neste apartado vanse debater catro mocións. A primeira, presentada polo grupo municipal do Partido Popular, aborda o arranxo do paseo fluvial de Bertamiráns. En dita moción ínstase ao goberno municipal a realizar de maneira inmediata unha inspección técnica completa do paseo fluvial, identificando todas as deficiencias existentes en materia de seguridade, infraestruturas, saneamento e medio ambiente. Tamén se solicita executar un plan integral de rehabilitación para a reparación de camiños, pasarelas e mobiliario urbano; adecuación e mellora da iluminación pública; limpeza, desbroce e mantemento da vexetación; reposición de elementos deteriorados ou inexistentes; e mellora da accesibilidade.
Ademais solicítase actuar de forma urxente sobre as infraestruturas de saneamento, en especial sobre colectores e puntos susceptibles de vertidos, garantindo que non se produzan filtracións nin vertidos ao paseo nin ao río Sar; implementar un plan de mantemento periódico do paseo fluvial, con actuacións programadas que eviten o seu deterioro progresivo; e establecer medidas de vixilancia e control ambiental, en coordinación cos organismos competentes, para previr e actuar ante posibles episodios de contaminación.
Na segunda moción, presentada polo grupo municipal do BNG, abórdase a cesión e posta en valor das parcelas do patrimonio municipal do solo non alleadas para a promoción de vivenda. Neste moción ínstase ao goberno municipal a destinar estas parcelas que quedaron desertas na poxa a algunha das seguintes finalidades de interese social:
-A súa cesión á Xunta de Galicia para a promoción de vivendas de protección autonómica ou de Vivendas de Integración Social.
-A promoción da súa licitación ou cesión en condicións favorables que permitan a participación de promotores privados para a construción de vivendas de protección oficial, garantindo en todo caso a limitación de prezos e o acceso a vivenda accesible.
Tamén se solicita garantir que calquera das opcións adoptadas priorice o acceso á vivenda, especialmente da mocidade, persoas con baixos ingresos e colectivos en situación de vulnerabilidade
Na terceira moción, presentada tamén polo grupo municipal do Partido Popular, debaterase a construción dunha senda peonil na estrada AC-453 entre as aldeas de Villaverde e Balindo (parroquia de Piñeiro). Deste xeito, ínstase á Xunta de Galicia a estudar e impulsar a construción de dita senda e solicitar que esta actuación sexa incluída na planificación de melloras da rede viaria autonómica, en continuidade coas intervencións xa realizadas nesta mesma estrada.
Na cuarta e última moción, presentada polo grupo municipal socialista, tratarase a distribución dos recursos públicos aos Concellos de xeito transparente e obxectivo. En dita moción ínstase á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Deputación da Coruña a desbotar o criterio de limitación de participación en axudas de 30.000 habitantes; e reclámase a elaboración de convocatorias de subvencións baseadas en criterios obxectivos, como as necesidades reais, o nivel de servizos prestados ou a poboación efectivamente atendida.