8 Febreiro, 2022

“A pandemia serviunos para adquirir novas competencias”

A directora Marisol Louro acumula unha ampla experiencia de 23 anos no IES Plurilingüe de Ames, 17 deles como directora deste centro de Bertamiráns. Ademais diso, é secretaria da Asociación de Directivos de IES de Galicia ADDIGA e da FEDADI, a Federación de Asociacións de Directivos de Centros Educativos de ámbito estatal. Conversamos con ela sobre o seu oficio, que lle outorga unha visión de excepción sobre o mundo do ensino.

Como mudaron as cousas nestes anos?
Desde que asumín a dirección o IES cambiou por completo. Dobrouse o numero do alumnado e do profesorado, pasando de 40 a 82. Para o ano que vén supoño que aínda seremos mais. Cambiou moito tamén o tipo de alumnado. Levo aquí 23 anos e vin como o estudantado pasaba ter orixes moito máis diversas: estranxeiros, persoas que viñeron dende Santiago ou outros puntos, rapaces do rural e dos núcleos urbanos ou as urbanizacións… Iso nótase moito ademais no tipo de xente. O ambiente é moi diferente. E eu noto sobre todo que hai moitas familias moito mais interesadas en que haxa proxectos extraescolares, intercambios co estranxeiro e actividades así. Non só se pide bo nivel de matemáticas, senón un montón de actividades complementarias. E noto que se participa moito e que se colabora moito tamén.

E como se xestiona dende a dilección esta realidade?

 A Consellería axúdanos moito cando se solicita en prazo. Hoxe chamáronme para saber se estamos interesados nun intercambio con Noruega. Pero claro, nunca van todos os alumnos. Hai que planificar de forma que os que vaian non perdan contidos e os que queden non se atrasen por culpa dos que se foron. Agora mesmo a dixitalización axuda con isto. Isto desenvolveuse bastante a partir da pandemia. O primeiro ano funcionou fatal porque era novo para todo o mundo pero agora é unha ferramenta de todo o mundo. Foi o único bo da pandemia, que adquirimos competencias

Pero esa dixitalización debeu coller por sorpresa a moitos…

O noso perfil de profesorado é moi variado. Os que xa temos praza definitiva temos xa unha idade. Moita xente que está en prazas non definitivas é xente nova. Pero a receptividade non depende tanto da idade senón das ganas e interese que lle poñas. Tampouco é para premios Nobel. Pódese aprender se practicas. Houbo tres ou catro que se negaron e que se xubilaron, pero o 90% do profesorado funciona coas aulas dixitais. Sempre hai persoas renuentes en todas partes. Todos tivemos un curso acelerado de competencias dixitais. Ademais hai que ter en conta que temos moitas familias que non tiñan ordenadores ou só un para tres fillos. Este ano mandáronse 60 ou70 ordenadores, e dotouse de ordenadores a todo 1º de ESO. Case todo o mundo ten acceso a seguir en contacto co centro.

Outro dos cambios foi a forte entrada do inglés. Aceptouse ben?

Nós levamos como centro plurilingüe uns 12 anos. Hai xente que concursa coas competencias de inglés adquiridas. Actualmente temos en todos os cursos polo menos unha ou dúas materias en inglés aparte do inglés. E do inglés temos a clase dividida á metade: gramática e oralidade. Cámbiase cada semana e os rapaces nótano menos. Por exemplo, hoxe en día Física e Química ou Bioloxía na ESO son en inglés. A xente asustouse o primeiro ano pero ao final todo o mundo está contento. Ninguén suspende a maiores por unha materia en inglés nin se atrasan. Os cambios gordos sempre asustan o primeiro ano. A xente afaise e tómao con naturalidade. Hai familias que hai anos protestaban e agora lévanos a clases particulares. Sempre hai incongruencias dese tipo. Canto máis competencias teñamos para competir no futuro, mellor. Nós aquí ofrecemos inglés, francés -obrigatorio en 1º e 2º da ESO-, italiano e portugués.

Sempre se fala de que parte da educación corresponde á familia e que parte corresponde ao sistema de ensino. Que opina?

Sempre hai este tipo de debates. Unha parte pertence á familia e outra ao colexio. Podemos dar indicacións de como comportarse ou falar cos compañeiros, pero se lles aplauden algo mal na casa ou ven normal algo que non o é, non vale de nada. O traballo ten que ser metade e metade-. Nós témolos aquí seis horas ao día de 24. Hai algunhas cousas ás que nós podemos chegar e a outras só poden chegar as familias. Sempre hai pais e nais que veñen aquí con que o neno ten a razón, pero outra pídeche pautas para traballar en conxunto contigo. Hai de todo, como na sociedade.

Dáse importancia dabondo á educación e ao seu papel no desenvolvemento do individuo?

Penso que non. A educación é obrigatoria ata os 16, pero ti como alumno non comezas a darlle importancia ata 1º e 2º de Bacharelato, cando da túa nota depende a tua carreira ou FP. Hai moita xente que ata 4º de ESO non lle dá tanta importancia ás notas. E despois en Bacharelato, que hai un salto cualitativo grande, agóbiase todo o mundo. O feito de que ti sentes desde pequeno bases de estudar diariamente e tarefas, con responsabilidades, collendo hábitos, é positivo. Os hábitos son máis difíciles de deixar despois, e mais doados de seguir. Mellor collelos aos 10 que aos 17. No noso día a día hai de todo: nenos con hábitos de estudo, outros que non, e outros que pensan que chega con escoitar na clase, pero dende 3º de ESO xa non vale. Sofren bastante pero é o que hai. Igual que temos hábitos de comida e almorzo, deberiamos telos para a escola porque é unha parte importante da vida. É o único traballo que teñen os rapaces. Non sería tan difícil coller dúas horas todos os días, ademais de facer deporte e socializar con outros nenos. Todo iso é moi importante e vimos a súa importancia na pandemia: nervios, ansiedade, depresións, en nenos moitos meses pechados. O instituto fai unha labor de aprendizaxe e socialización moi necesaria.

Falando dese tipo de fenómenos negativos para o alumnado, tivo experiencia con casos de bullying en Ames?

Por sorte no IES de Bertamiráns hai pouquísimos casos deste tipo porque hai moita diversidade de xente e nótase como algo natural. É unha das cousas boas de Ames: ter moitas nacionalidades, moitas cores. Non se ve rara a diferenza. Non sei se é pola estrutura do municipio, a orixe das familias, os rapaces… todo o aceptan con normalidade. Eu non lembro en 16 anos un caso de acoso escolar, e non é o normal. Isto é grazas ao diversa que é a sociedade de Bertamiráns.

Compaxinas a dirección coa presenza na ADDIGA e da FEDADI. En que traballan estas asociacións?

En Galicia somos un grupo grande de directores de centros de ensino público que actúa como unha rede de comunicación e axuda entre nós, como é o caso da axuda aos novos directores. A FEDADI é unha federación das entidades autonómicas. Temos dúas xuntanzas ao ano e facemos reunións online. Estamos desenvolvendo un marco sobre a boa dirección e como se pode mellorar. Eu aprendín moitísimo persoalmente. Unha cousa é o que ves aquí no teu circulo e outra o que ves en cidades e centros enormes con moitos máis problemas. A primeira vez que fun a unha reunión da federación sorprendinme cos problemas que superou a xente. Enriqueces o carácter e gañas sabedoría.

Hai algunha anécdota especial que gardes destes anos?

As miñas anécdotas favoritas son aquelas nas que aparece por aquí un antigo alumno dando as grazas polo que fixemos por el. Dinche que aínda lembran ser rapaces e ver as cousas doutra maneira. Incluso ven xente que agora quere traballar ou facer prácticas aquí. Ves que te recordan con cariño e esa é unha das maiores satisfaccións que podemos ter. Realmente aquí hai 35 anécdotas ao día, pasa algo todas as mañás, pero o máis gratificante é ese agradecemento, que chegue xente de hai anos a contarche que está facendo e en que traballa.