A praza da Maía acolle a Feira da Saúde e o Ben – Estarna que participan 10 asociacións

Durante a xornada deste sábado, 13 de abril, realízase na praza da Maía de Bertamiráns a terceira edición da Feira da Saúde e Ben-Estar, de 11:00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20:00 horas. Un total de 10 asociacións (AECC, ALCER, ANEDIA, ACEM, Fonte da Virxe, Alcohólicos Anónimos, AL-ANON, CONARTRITES, ASANOG e AEPPNA) dispoñen dun stand para proporcionar información sobre a súa labor a todas aquelas persoas que se achegan ata a praza.

A inauguración da Feira realizouse ás 11.00 horas. De seguido, ás 11:15 horas, comezaron as charlas e faladoiros que se imparten na Casa dos Maiores, situada na praza da Maía. A primeira charla foi ás 11.15 horas. Tratou sobre a “Sexualidade no eido das patoloxías crónicas” e foi impartida por Alfredo Saborido, traballador social e sexólogo de ALCER Coruña.

Ás 12:00 horas realízase un faladoiro sobre menopausia, no que participan Gretel Lichtenstein, médica de familia do centro de saúde do Milladoiro e do PAC de Santiago de Compostela; Ángeles Martínez Ríos, matrona do centro de saúde de Bertamiráns; María Vilariño Ínsua, matrona do centro de saúde de Bertamiráns e Brión; e Olalla Fernandez Seijas, nutricionista co centro de saúde de Bertamiráns e Brión.

O segundo faladoiro impártese ás 17:00 horas, da man da psicóloga xeral sanitaria, terapeuta familiar e sexóloga, Belén Montesa Lou; e da fisioterapeuta do centro de saúde do Milladoiro, Diana Otero Lorenzo. Tamén participa Margely Morales, facultativa especialista de área en Obstetricia y Ginecología del CHUS. A última charla denomínase “Como alcohólicos anónimos traballa na súa comunidade”, ás 19:00 horas, impartida pola asociación Alcohólicos Anónimos.

Obradoiros na carpa da praza da Maía

Por outra banda, tamén hai obradoiros para achegar á veciñanza a labor destas asociacións. Deste xeito, realízanse tres actividades infantís: ás 11:45 horas, ASANOG organiza “O termómetro das emocións; ás 12:45 horas impártese “O xogo dos manteis”, impulsado por AEPPNA; e, ás 18:30 horas, Estíbaliz Grande realiza o obradoiro “Canto azucre teñen os alimentos?”. Así mesmo, tamén hai unha actividade aberta a tódolos públicos: o obradoiro “Ponte no meu lugar”, ás 17:30 horas, organizada pola asociación CONARTRITES.

TaiChi e marcha nórdica

Tamén hai espazo para o deporte. Ás 11:30 horas, impártese unha sesión de TaiChi no parque do Ameneiral, e ás 18:00 horas, unha ruta de marcha nórdica. O punto de encontro para ambas as dúas actividades é a carpa da praza da Maía. O percorrido da ruta de macha nórdica acordouse entre os participantes e maila organización. En ambas actividades non é necesario ter coñecementos previos para participar.

Exposicións e charla da Asociación Española Contra o Cancro

A xunta local da Asociación Española Contra o Cancro de Ames participa na Feira da Saúde con dúas exposicións e unha charla sobre o cancro de mama.

Ata o 21 de abril, na Casa da Cultura de Bertamiráns estará a exposición “50 anos. Cambiando a historia do cancro”, na que se recollen exemplos dos avances científicos en cancro que nos últimos anos permitiron mellorar a vida dos pacientes. Esta mostra conmemora o cincuenta aniversario do apoio da Asociación Española Contra o Cancro á investigación oncolóxica, e destaca logros como o desenvolvemento de novas estratexias de medicina personalizada para tratar os tumores de cabeza e pescozo, ou o estudo da predición da resposta ás terapias en cancro colorrectal. Algúns destes resultados de investigación expostos foron realizados na provincia da Coruña polos investigadores Dr. Ángel Carracedo e Dra. Kelly Conde.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle tamén ata o 21 de abril outra exposición titulada “A investigación do cancro. Un desafío milenario”. Nela reflíctense os principais fitos desde a prehistoria (de onde datan os primeiros restos de tumores en animais e homínidos) ata o desenvolvemento de novas estratexias de medicina personalizada e inmunoterapia ou de métodos de prevención e detección precoz da enfermidade (como a vacina para o virus de papiloma humano) postos en marcha nas últimas décadas. Ademais, a mostra adéntrase no futuro do cancro e expón os esforzos que realizan os científicos e a Asociación para aumentar as taxas de supervivencia e a calidade de vida dos pacientes.Ademais, o pasado mércores 10 de abril, ás 19:00 horas, realizouse na Casa da Cultura de Bertamiráns a charla “Novas abordaxes na investigación do cancro de mama”. Foi impartida pola doutora Clotilde Costa, investigadora do grupo ONCOMET do Instituto de Investigacións de Sanitario de Santiago de Compostela.