O Concello de Ames estreará, a partir do vindeiro mes de setembro, o seu propio mercado de horta e artesanía, unha iniciativa que se enmarca dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames e que pretende dinamizar a economía e produción local no concello. Ademais, tamén se busca potenciar e reforzar o sector primario dentro da economía amesá, promocionando o consumo de produtos de proximidade.
Coa posta en marcha deste novo mercado, créase un espazo de compra-venda de alimentos frescos, labregos e transformados, e de produtos de oficios artesáns de produtores locais e das comarcas limítrofes. Ademais, un dos obxectivos da creación desta proposta, é sensibilizar á poboación da importancia que ten unha boa alimentación na nosa saúde, baseada no consumo de produtos de calidade e de orixe natural. Deste xeito, tamén se pretende que o mercado sexa un lugar de encontro e reunión entre a veciñanza de Ames, converténdoo así nun centro de vida social e económica.
O mercado de produtos labregos e artesanía constará de 13 postos de venda, situados nunha carpa na Praza da Maía. As dimensións dos postos será de 3x3m con mesa e cadeira. O mercado abrirá todos os sábados pola mañá en horario de 10.00 a 13.30 horas.
Así mesmo, poderán venderse artigos de artesanía, e produtos de horta de proximidade nos que a súa venda en réxime ambulante estea autorizada pola normativa estatal ou autonómica aplicable, cando se cumpran as condicións sanitarias e hixiénicas que establece a lexislación sectorial sobre a materia para cada tipo de produto. En concreto, non poderán vender produtos destinados ao consumo humano as persoas que carezan do certificado de manipulación de alimentos.
Pola tarde continuará habendo “mercadillo”
A pesar da creación deste novo mercado, dedicado exclusivamente á artesanía e produtos agroalimentarios, Bertamiráns seguirá mantendo o seu mercado de rúa os sábados pola tarde nas mesmas rúas que se vén facendo habitualmente: Entrerríos, Ameneiral e no perímetro habilitado na Praza do Concello. Así mesmo, o horario continuará sen cambios, sendo en verán de 16.40 a 20.30 horas e no inverno de 16.40 a 19.30 horas.