O CEIP Agro do Muíño é unha das infraestruturas pendentes dunha ampliación no Concello ante o volume de estudantes que acolle. Conversamos con Raquel Morono Andrade, presidenta da Asociación de Nais e Pais de Agro do Muíño, sobre as necesidades do centro e como a pandemia impactou na vida dos estudantes e de seus pais.
Como afectou a pandemia ao ensino?
Non sei noutros colexios, pero no Agro do Muíño non se viu afectado volume de horas lectivas. A diferenza é que antes si se usaban máis xogos e técnicas que agora non se poden utilizar.
E como foi a resposta das autoridades educativas?
Nós dende a ANPA vimos que o noso colexio se adaptou moi ben e os nenos seguiron indo contentos, que é o mais importante. Que sigan aprendendo, divertíndose, dentro do que a situación permite.
O voso centro está situado fóra do espazo urbano. Notastes carencias específicas por este motivo?
Non, a verdade é que non estamos no centro de Bertamiráns, pero non temos ningunha carencia con respecto á Maía. Si podemos notar certa falta de espazo, de que o cole se fai pequeno. Por iso se aprobou a ampliación, porque o centro ten moitísimos nenos. En canto a servizos, está igual ca outros. Si que hai coles no rural que demandan servizos e teñen carencias, pero o noso pola proximidade que ten a Bertamiráns está bastante ben cuberto.
En que estado se atopa a ampliación prometida?
Segundo as novas que temos do colexio e do Concello, o arquitecto xa estivo no colexio, estanse facendo os planos para as propostas. A reforma xa tiña que estar rematada pero ata hai pouco non había nin proxecto. Agora si, e nótase que se está comezando o traballo para levalo a cabo. Tomaron nota das achegas da directiva do colexio.
Dáse toda a importancia debida aos pais e nais no proceso educativo?
Non se nos dá toda a que nos gustaría, pero a relación que ten a ANPA coa dirección e profesorado de Agro do Muíño é boa. Sempre que facemos achegas, suxestións ou queixas, sempre trasladando o que nos din as familias, téñense en conta. O colexio toma decisións importantes póndose en contacto con nós e tendo en conta as nosas opinións. Custa un pouco máis co Concello.
Que podes contarnos da vosa ANPA?
Somos unha APNA nova, pais e nais con moitas ganas de facer todo o que poidamos. Somos os encargados das actividades extraescolares e a día de hoxe levamos a cabo 11 actividades, xestionadas directamente por nós en espazos cedidos polo colexio. Este ano decidimos levalas a cabo para que os nenos puideran ter un pouco máis de normalidade e poder divertirse á vez que aprenden. Ademais, deste xeito damos a opción de conciliar ás familias rematado o servizo de comedor. O Concello achéganos unha subvención que nos é de gran axuda para poder desenvolver todas estas actividades.