26 Outubro, 2021

A solidariedade amesá tende a man a La Palma

Dous palés cargados de produtos hixiénicos é o resultado da campaña organizada pola Agrupación de Protección Civil de Ames, en colaboración con XEA. A campaña tiña como obxecto enviar estes produtos de hixiene persoal aos afectados/as pola erupción do volcán de Cumbre Vieja na illa canaria da Palma. Varios supermercados radicados en Ames colaboraron o pasado 22 de outubro na iniciativa. Por outra banda, Ames centralizou a recollida que desenvolveron as Agrupacións de Protección Civil de Negreira, Boimorto, Teo e Santiso nos seus respectivos concellos e que achegaron tres galés máis de produtos. En total, 5 palés con axuda serán enviados á illa da Palma.

Juan Crespo, presidente da Agrupación amesá de Protección Civil, sinalou que “grazas á rápida participación dos veciños xuntáronse en tan pouco tempo dous palés”. Crespo quere tamén dar as grazas aos voluntarios e voluntarias de Protección Civil “que durante toda a xornada organizaron o material recollido e prepararon os palés para o seu envío” e aproveita a circunstancia para ampliar ese agradecemento ao labor que estas persoas fan decotío.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García agradece o apoio da veciñanza “pola colaboración e a solidariedade, xa que en dous días recolleuse unha cantidade importante de produtos de hixiene” Apunta o alcalde que “esta é unha primeira fase de colaboración, xa que estamos a traballar nunha colaboración directa desde o concello cos voluntarios de Protección Civil de Santa Cruz de La Palma para mercarlles material”.