Un ano máis, e van seis edicións, unha das probas do circuíto Transgalaica terá lugar en Ames da man do Concello e o club de ciclismo Os Esfola Arrós. Deste xeito, o vindeiro domingo, día 13, a carreira partirá do Pazo da peregrina ás 9.30h con 408 ciclistas participando. Esta proba é a segunda das cinco que integran o calendario da Transgalaica 2022. As seguintes paradas serán a Estrada, Silleda e Manzaneda.
O circuíto da proba percorrerá en dúas voltas un circuíto de 33 quilómetros, sumando un total de 66. A proba comezará ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte de San Marcos, o alto de Liñaredo e as instalacións en Piñeiro do Real Aeroclub de Santiago. Dende aí volverase ata Bertamiráns por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada.
A primeira volta rematará sobre as 11h e a segunda cara ás 12.30h. A entrega de dorsais arrincará no Pazo da Peregrina ás 8h. Os premios entregaranse ás 13.30h na avenida José Luis Azcárraga, na meta.
A proba contará con categorías de masculina absoluta (júnior, S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (júnior, S23, elite e máster) e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día).
Restricións de tráfico
Haberá varias restricións durante a fin de semana con motivo da proba. A avenida José Luis Azcárraga sufrirá varios cortes de tráfico, non podendo estacionarse nesta rúa dende as 23h do sábado 12 ata as 15h do domingo 13. Ademais, cortarase o tráfico ata o cruce coa vía que vai cara a Casas do Monte (Covas) dende as 7:30h ata as 15h horas do domingo 13 de marzo.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, asegurou que a celebración desta proba amosa que as cousas volven á normalidade e abre a porta á esperanza. A edición de 2020 foi o último evento deportivo antes do confinamento. A edil asegurou que “esta proba ten unha gran aceptación, tal e como o demostra as máis de 400 persoas inscritas” e manifestou que dende o Concello están “sempre encantados de apoiar a todos os clubs de Ames nas actividades que organizan”. Por último, agradeceu “ao Club de ciclismo Os Esfola Arrós o esforzo que fan coa organización deste evento”.