A V Feira do Monte de Trasmonte conta con 22 expositores, 4 exposición, 3 obradoiros e 6 degustacións gastronómicas

Un ano máis o campo da festa de Trasmonte acollerá este evento que nesta edición se desenvolverá ao longo de dúas xornadas, o sábado 15 de novembro, de 11.00 a 19.30 horas, e o domingo 16 de novembro, de 11.00 a 15.00 horas. O obxectivo principal desta iniciativa é poñer en valor o monte e os produtos e derivados que este nos ofrece.

Nesta edición da Feira “Tanto monte monte tanto”, organizada polo Concello de Ames, cóntase con 22 expositores confirmados que ofrecerán produtos como aceite, produtos a bases de castañas, mel, licores artesanais, produtos de fiado de la pura de ovella, embutidos, queixos, libros antigos e de segunda man, traballos creativos de téxtil natural, produtos de porco celta, produtos de artesanía, madeira torneada, lámpadas e cuncos de cera, cafés e tés, queixos de cabra, cestos feitos a partir de medula, produtos artísticos personalizados, arandos, xeles naturais e instrumentos de percusión.

Tamén haberá actuacións de música tradicional a cargo de grupos de Ames, exposicións permanentes, obradoiros e diversas degustacións nas que os visitantes poderán deleitarse cunha ampla gama de produtos gastronómicos. Ademais, haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas. Contarase con servizo de polbería de Juan Guerra para comer (racións de polbo, carne ao caldeiro, churrasco e bica).

O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, explica que “con esta feira queremos poñer en valor os produtos do monte, o patrimonio natural e o aproveitamento sostible do monte. Esta feira é un expositor de produtos do monte, polo que temos moito coidado con que sexa unha feira xenuína e non interfiran nela produtos que non teñen relación coa materia prima do monte e coa produción sostible. Ademais, unha das marcas de identidade desta feira vai seguir sendo a gastronomía con degustación de castañas, chicharróns, hamburguesas, xabarín con castañas, mel, pan… e tamén haberá servizo de polbería para comer”.