O alcalde de Ames, Blas García, agradeceu que a Xunta escollese un colexio de Ames para a presentación desta campaña. “Somos un referente en toda Galicia polo crecemento demográfico que temos todos os anos e tamén polos servizos de conciliación municipais. É moi importante implicar aos nenos e nenas na investigación, innovación e nas novas tecnoloxías, porque iso vai a repercutir para que no futuro teñamos máis persoas que se dediquen á ciencia e á investigación”.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou que “a eclipse é un acontecemento que debemos aproveitar, e desde a Xunta de Galicia xa estamos traballando de cheo por reforzar o impacto positivo deste fito” Ademais, sinalou este fenómeno astronómico como “unha oportunidade de país, de marca Galicia Calidade, unha ocasión para unir ciencia, educación e sociedade nun proxecto común. E non só iso, senón que tamén supón unha oportunidade para a divulgación da ciencia entre o alumnado”.
O CEIP Agro do Muíño foi o colexio elixido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, para presentar Galicia explora o ceo. Camiño da eclipse 2026, a programación divulgativa e científica da Xunta de Galicia nos centros escolares con motivo da eclipse solar do 12 de agosto. A programación, coordinada polo Centro de Innovación Educativa e Dixital, articúlase en 26 iniciativas deseñadas para acompañar á comunidade educativa ao longo do curso e están organizadas en catro bloques cun enfoque interdisciplinar. Ademais, o Concello de Ames está elaborando unha programación específica para poder ver a eclipse solar dende diferentes lugares do municipio.