7 Maio, 2026

A Xunta escolle Ortoño como parroquia priorizada para a limpeza das faixas secundarias

Este ano a parroquia de Ortoño foi unha das seleccionadas, o que permite aos veciños e as veciñas desta parroquia a posibilidade de acceder e contratar estes servizos coa empresa pública Seaga para a realización das limpezas voluntarias a prezos reducidos.

Estando o concello de Ames adherido ao convenio de xestión de biomasa e tras ser decretada a parroquia de Ortoño como prioritaria polo risco de incendios forestais, os propietarios/as particulares de fincas forestais situadas na parroquia de Ortoño teñen a opción de contratar a Seaga para os traballos de desbroce por un importe de 42 euros/1.000 m2.

Dende o departamento de Medio Ambiente de Ames estase informando a toda a veciñanza de Ortoño para que aqueles que estean interesados, realicen a solicitude para as limpezas voluntarias acolléndose a contratación das brigadas do Seaga.

O Concello de Ames anunciou que o procedemento de rexistro e presentación desta solicitude debe realizarse en persoa no propio Concello, concretamente no departamento de Medio Ambiente. As persoas interesadas en formalizar estes contratos poderán acudir á Casa do Concello, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Deben presentar o seu Documento Nacional de Identidade, a referencia catastral da parcela en cuestión e a proba de propiedade da parcela.

Tamén se informa de que nestas áreas priorizadas a Xunta axiliza as actuación subsidiarias das parcelas que non cumpren a obrigatoriedade de limpeza das mesmas antes do 31 de maio, comisando a madeira existente, cobrando os traballos realizados e aplicando a sanción correspondente.

Ademais, grazas a un cambio lexislativo que facilita as execucións subsidiarias aos Concellos, tamén se suma a esta medida o Concello de Ames, con dous expedientes que conteñen varias parcelas para a execución destas, onde os seus propietarios e propietarias foron notificados de xeito recorrente para a súa limpeza, facendo caso omiso das advertencias de cumprimento.

Co verán achegándose, o Concello insta a toda a veciñanza de Ortoño a aproveitar estes contratos de limpeza de biomasa a prezos moi reducidos para limpar a vexetación das faixas secundarias, co fin de previr posibles accidentes nestas zonas, que foron designadas como de alto risco ou propensas a alta actividade incendiaria.