9 Xullo, 2020

“Á Xunta faltoulle empatía con Ames”

Quique Costas (1960) é o representante de Ames Novo no Concello. Xestor cultural, participou como activista en diversos movementos sociais e como voceiro da Plataforma Galega de Afectados e Afectadas pola Hepatite C. Falamos con el sobre as necesidades de Ames e sobre a lexislatura que vén de rematar.

Que balance facedes da lexislatura autonómica 2016-2020 para Ames?
En Ames conseguimos avanzar nalgunhas cuestións pendentes coa Xunta. Máis concretamente, en asuntos como o centro de saúde do Milladoiro ou o novo centro educativo, tamén no Milladoiro. Pero o certo é que son cousas que levaban aí varias lexislaturas e tampouco é para botar foguetes que se resolvesen agora, por fin. En xeral, este Goberno autonómico non foi moi xeneroso coas necesidades dos Concellos. Non houbo moita empatía co Concello de Ames, se cadra por ser de cor política distinta que o Goberno da Xunta. Non houbo empatía, por exemplo, en cuestión de obras públicas. Incluso houbo manifestacións por parte da conselleira bastante sectarias. Dende logo nada en sintonía coas necesidades do concello.
En obras públicas cómpre destacar que por fin se desbloqueou durante a lexislatura, aínda que tamén viña de atrás, a transferencia ao Concello da avenida da Maía como vía urbana. Materializáronse cousas que tiñan que terse materializado moito antes, que chegaron con moito retraso. Eu creo que en moitas ocasións non houbo, e dígoo dende a oposición porque é algo que nos afecta a todas as persoas que vivimos en Ames, non só ao Goberno local, non houbo, no eido institucional, ningunha empatía por parte da Xunta, máis alá da concreción de asuntos que viñan arrastrándose durante moito tempo.


Que se xoga Ames nestas eleccións?
Xógase o que se xoga en toda Galicia. A xente de Ames, como o resto dos galegos, temos que pensar en chave de que país queremos. Se apostamos polos servizos públicos ou pola vía das privatizacións. Se avanzamos ou mantemos a que está a ser a tónica destes anos. En canto a cousas concretas que nos afectan como veciñanza, aparte das cuestións de política xeral, hai unha agora mesmo moi urxente: hai que afrontar as consecuencias desta crise sanitaria da que aínda non acabamos de saír. É urxente que a Xunta de Galicia comece a pór medidas. Non hai a día de hoxe, aínda, liñas e axuda concretas e xeneralizadas, por exemplo, para o comercio, para a pequena empresa ou os autónomos. Están asumindo os concellos cousas que non son competencia deles, senón da Xunta. Ao mellor non é malo que os municipios asumamos algunha desas cousas, pero para iso é moi importante dotarnos de medios, que a Xunta de Galicia transfira aos concellos, como ao noso, unha parte dos fondos extraordinarios que reciben do Estado, para que precisamente poidamos seguir prestando todas esas servizos que temos asumidos. Iso é o que se xoga, en termos municipais, Ames. É o que vemos como máis urxente. Que se nos permita, habilitando os medios precisos, seguir desenvolvendo o traballo de ser o primeiro prestador de axudas á cidadanía, que é o que están a ser a maior parte dos concellos.
Con carácter máis xenérico, despois de todo o que pasou, é evidente que non podemos seguir apostando por políticas que empobrezan o público, nin na sanidade, nin na atención a maiores. Iso pensó que é evidente.


Ames Novo non pediu o voto para ningunha candidatura?
Ames Novo é é unha agrupación cidadá plural, con xente progresista que procedemos de distintas culturas políticas. Animamos a un voto progresista e de cambio, pero non concretamos, nin é a nosa función, este voto nunha candidatura concreta.