7 Xullo, 2020

“A Xunta ten que achegar máis recursos a concellos que medran como Ames”

David Santomil (1979) é tenente de alcalde de Ames e portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Concello. Entrevistámolo para falar da última lexislatura do Parlamento Galego no tocante a Ames, das necesidades do municipio e das expectativas do BNG nestas eleccións.

Que balance facedes da lexislatura autonómica 2016-2020 para Ames?
O balance xeral do Goberno de Feijoo amosa unha parálise e unha falta de investimento a todos os niveis no noso concello. Estamos vivindo un necesario fin de ciclo político. Dende o BNG facemos unha lectura moi negativa da xestión do PP na Xunta nos últimos anos, e especialmente con Ames. Hai un asunto, en especial, que levamos todos os anos ao Parlamento de Galicia por parte do BNG: que é necesaria a ampliación da depuradora de Sisalde, no río Sar. É unha infraestructura que a día de hoxe non está adaptada a dar servizo a Ames e a Brión. É unha cuestión prioritaria para conseguir un río Sar limpo augas abaixo de Bertamiráns, xunto coa de Silvouta en Santiago. A nivel ambiental é o principal elemento a destacar dunha lexislatura de parálise e de falta de acción política por parte da Xunta de Galicia.

Que se xoga Ames nestas eleccións?
Xógase en primeiro lugar un cambio de rumbo en políticas sociais de cara ao concello. Desde logo, falta apoio por parte da administración autonómica en moitos aspectos. No ámbito ambiental, no ámbito das infraestruturas, en temas administrativos… Desde logo, eu creo que é necesario que a Xunta active os incentivos económicos, especialmente naqueles concellos que medran máis en termos demográficos e requiren máis recursos que necesariamente ten que achegar a Xunta de Galicia.

Que expectativas ten o BNG nestas eleccións?
Dende o BNG de Ames e o conxunto do BNG continuamos nesa senda de recuperación da confianza do noso electorado que se vén rexistrando proceso electoral tras proceso electoral en Ames, particularmente dende 2015. O BNG foi incrementando progresivamente o volumen de votantes e a súa representación, tanto nas municipais como noutros procesos. Nas eleccións xerais, os resultados de Ames contribuíron de forma moi importante para lograr ese escano pola provincia da Coruña no Congreso. Dende Ames agardamos ser determinantes e facer unha achega importante para conseguir un maior número de deputados nacionalistas pola provincia no Parlamento Galego, xa que Ames é un concello cun volumen de poboación importante e capacidade de determinar en boa medida os resultados na provincia da Coruña. E cómpre lembrar que dous candidatos da Coruña,  Escarlata Pampín e Rafa Vilar, son compañeiros do BNG de Ames.