Artesanía, danza e música son algunhas das actividades da I Feira de san Xoán. O evento, organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames, terá lugar os días 23 e 24 no parque Ameneiral, en Bertamiráns.
A Xuntanza de Empresarios de Ames vai ser a encargada de poñerlle música e cor a unhas das festas máis tradicionais de Galicia e, tamén, do Concello de Ames. Será a través da I Feira de san Xoán que se vai celebrar os días 23 e 24 de xuño.
O presidente da XEA, Jorge López, quere animar a toda a veciñanza a participar nesta I Feira de san Xoán. Lamenta, ademais, que non se poida celebrar a tradicional sardiñada pero confía en que para o ano que vén volvan as sardiñas e unha gran cacharela.
A feira vaise inaugurar o mércores 23 ás 17.00 horas. Tras a presentación, os asistentes poderán gozar da actuación do grupo tradicional Os Retranqueiros. A continuación poderán asistir a unha Master Class de Bj Trainers. E para rematar a primeira xornada da feira a música da Banda de Nash.
O xoves 24 a feira abrirá ás 11.00 horas. A primeira actividade chega da man de Danzaya, será ás 12:00 horas cunha clase de baile para todos e todas. Ás 12.45 horas o evento porá fin cunha sesión vermú a cargo do grupo Conexión Habana.
Unha chea de actividades que segundo a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, son moi importantes para fomentar e dinamizar o comercio local. Quere, tamén, animar aos veciños e visitantes a que visiten a I Feira de san Xoán e apoien o comercio e a hostalaría local.
Ao longo dos dous días da feira os asistentes poderán conseguir unha experiencia dunha fin de semana nun hotel visitando os distintos establecementos de hostalaría de XEA.