13 Xuño, 2017

Aberto o prazo de inscripción para os campamentos deportivos

Esta iniciativa xorde co fin de conciliar a vida familiar e laboral de todos os pais e nais durante as vacacións de verán.

Os nenos e nenas de Ames xa poden inscribirse nos campamentos deportivos que ofrece a Deputación da Coruña, a través da Concellaría de Deportes do Concello de Ames. Estes campamentos están dirixidos a rapaces e rapazas de 9 a 14 anos. Para poder apuntarse nesta actividade hai que estar empadroado no concello de Ames. As inscricións faranse no Rexistro Xeral do Concello. O prazo de inscrición xa está aberto e pecharase o día 17 de xuño. Estes campamentos celébranse no Centro residencial docente do Concello de Culleredo. Aos rapaces e rapazas de Ames correspóndelle a segunda quenda que vai dende o 26 de agosto ata o 1 de setembro.

Un ano máis a Deputación da Coruña organiza un programa de campamentos deportivos para todos os nenos e nenas dos concellos da provincia. Co obxectivo de facilitar a inscrición de todos os rapaces e rapazas que estean interesados nestas actividades, a Concellaría de Deportes abre un período de inscrición que estará aberto ata o vindeiro 17 de xuño. Esta iniciativa xorde co fin de conciliar a vida familiar e laboral de todos os pais e nais durante as vacacións de verán.

Os campamentos deportivos inclúen as actividades deportivas preferentes que, nesta ocasión, serán os deportes náuticos, a equitación, tenis, sendeirismo, así como a practica doutras actividades deportivas e culturais. Ademais, realizaranse actividades e xogos que teñan elementos que fomenten a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais. Tamén se farán visitas a centros de interese cultural na comarca e na cidade da Coruña.