A empresa Groma Obras SL será a encargada de cubrir a área de xogos do parque infantil de Agro da Vella, no Milladoiro. Así o decidiu onte a Xunta de Goberno Local. O proxecto foi adxudicado por un importe de 188.782 euros. O proxecto executarase na praza que está situada entre a rúa Agro da Vella, a rúa Palmeiras, a rúa Agro do Medio e a avenida Muíño Vello.
A obra consistirá en construír unha cuberta para a área de xogos, que ten unha área aproximada de 400 metros cadrados. Instalarase a tal efecto unha estrutura metálica porticada lixeira, que se cubrirá posteriormente cunha malla téxtil semitransparente lixeira. Desta forma garantirase o uso da zona cuberta nas estacións de choiva e secas, tanto nos períodos de iluminación diúrna como nocturna. A obra terá 14 piares.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “a cubrición de dous parques infantís, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro, era unha das prioridades deste Goberno municipal. Xa se puido cubrir unha parte do parque infantil da praza de Chavián e agora queda realizar as obras de cubrición do parque de Agro da Vella, no Milladoiro. O obxectivo é que estes parque poidan ser usados tamén en períodos nos que chove e cando fai moito sol, xa que ao estar cubertos dá a sombra”.
Esta obra chega logo da cubrición e ordenación de xogos no parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns. Aquela intervención foi cofinanciada pola Deputación.