25 Febreiro, 2026

Alfonso Rueda e Blas García acordan impulsar un proxecto de coliving en Ames e ampliar o centro de saúde de Bertamiráns

O presidente da Xunta e o alcalde de Ames acordaron estudar a posibilidade de desenvolver un proxecto de coliving en Ames seguindo unha fórmula similar á xa aplicada no Milladoiro para a promoción de vivenda pública: cesión de parcelas por parte do Concello e desenvolvemento das mesmas pola Xunta. Para avanzar nesta iniciativa, manterase unha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, María Martínez Allegue.

No ámbito sanitario, rexedor e presidente consideraron importante a ampliación do centro de saúde de Bertamiráns, actualmente superado na súa capacidade, co fin de adaptalo ás novas necesidades da veciñanza. O alcalde comprometeuse a levar ao pleno municipal a cesión das parcelas necesarias para acometer unha posible ampliación no caso de a Xunta de Galicia finalmente execute actuación.

Blas García salientou a importancia da colaboración leal entre administracións como única vía útil para resolver os problemas da cidadanía e destacou a boa disposición do presidente para materializar tanto os proxectos xa en marcha como as novas iniciativas propostas.

Por outra banda, o alcalde solicitou que a Xunta estude a posibilidade de incluír Ames como localización para a instalación de novos centros de día ou residencias para persoas maiores. Neste sentido, lembrou que, malia ser un dos concellos máis novos de Galicia e experimentar un crecemento constante, a conciliación e o benestar da veciñanza, especialmente das persoas maiores, continúan a ser unha prioridade.

Análise e avaliación dos proxectos comúns en marcha
A reunión de traballo serviu tamén para facer seguimento dos proxectos compartidos entre ambas administracións, como a ampliación da EDAR de Sisalde, o proxecto do Mercado Municipal de Ames, a construción de vivenda de protección pública no Milladoiro e o desenvolvemento do polígono empresarial de Bertamiráns.

Ademais informou ao presidente que progresa adecuadamente o proceso de urbanización das parcelas destinadas á promoción de máis de 200 vivendas de protección pública.

En relación co Mercado Municipal de Ames, confirmou que se está a ultimar a adaptación do proxecto á normativa europea, mentres que o presidente reiterou o compromiso da Xunta de colaborar no seu financiamento.