A USC e o Concello de Ames veñen de trazar un protocolo xeral de actuación conxunta. O acordoestrutúrase en tres eixos relativos á mobilidade, á transferencia, emprendemento, promoción económica e desenvolvemento local, así como a colaboración en actividades culturais e deportivas. Este documento xorde do interese da Universidade pola definición dun marco estable de relación con todos aqueles concellos da súa contorna máis inmediata, así como naqueles outros con importancia para a súa comunidade. Deste xeito, preténdese definir un marco xeral que permita regular a colaboración en ámbitos diversos dun xeito áxil. Este é o caso de Ames, onde vive unha parte significativa da comunidade universitaria.
O documento asinado este xoves, 18 de xuño, no Colexio San Xerome polo reitor Antonio López e o alcalde de Ames, Jose Miñones, susténtase na consolidación das políticas de apoio á sociedade do coñecemento desenvolvidas polo concello e dos que a Universidade é unha parte fundamental. A USC mantén convenios con Ames en materia docente, en particular no relativo ás prácticas en empresas incluídas nos plans de estudos, alén de que distintos grupos de investigación teñan desenvolvido tarefas de asesoramento en materias de interese para o Concello cualificado polo Ministerio como ‘Cidade da Ciencia e a Innovación’.
Ambas as dúas institucións traballarán de forma conxunta nos vindeiros catro anos na definición, promoción e impulso de medidasa prol do uso do transporte público para a conexión do Concello de Ames c ocampus da USC en Santiago de Compostela. Tamén se comprometen a tomar as medidas necesarias para adoptar sistemas de mobilidade urbana sustentables.
O emprendemento e a promoción económica son tamén dous eidos chaves no marco deste acordo. Así, Concello de Ames e USC comprométense a colaborar no impulso e difusión de iniciativas relacionadas. Ademais, o Concello pon á disposición da Universidade as instalacións municipais co obxectivo de mellorar a oferta da formación impartida pola USC. A institucióncompostelá colaborará, pola súa banda, no emprendemento do novo espazo colaborativo de base empresarial (coworking A Proa), que o Concello de Ames poñerá en marcha no Milladoiro este mesmo ano.
Uso de instalacións
Finalmente, o acordo contempla o estudo de fórmulas para permitir o uso das instalacións culturais e deportivas das que dispón a USC,para que podan usarse no desenvolvemento de actividades promovidas ou apoiadas polo Concello de Ames.