Ao redor de trinta familias gozaron da tarde ao son da música tradicional, aprenderon bailes e cancións e atoparon novos amigos e amigas cos que compartir a festa
Bailes en rolda, xogos de ritmo, palmas, gaita, pandeireta e moitas cantigas de sempre, daquelas que as avoas xa aprenderan das súas avoas. O pazo da Peregrina acolleu o pasado venres, 30 de xuño, a última Foliada deste curso do programa Apego. Ao redor de trinta familias gozaron da tarde ao son da música tradicional, aprenderon bailes e cancións e atoparon novos amigos e amigas cos que compartir a festa. As foliadas volverán en setembro.
“Isto é marabillosos, é grande, temos que defendelo con uñas e dentes, non podemos permitir que se perda”, así de contundente se manifestaba Sofia Gende, a avoa de Breixo e Antón que o pasado venres cantaba coma ninguén as cancións que propoñían Chus Caramés e Patricia, do colectivo Xandovela, encargado de dinamizar a foliada. “Eu fun nena de foliada e levei sempre aos meus catro fillos a todas as festas, porque a nosa cultura é esta e cometeríamos un grande pecado senón lla transmitíramos aos que veñen”, matiza Sofia ao tempo que nos explica que antes as cousas eran máis doadas porque os nenos e as nenas xogaban na rúa e “con calquera cousa, un pano, unha corda, unha pelota de papel ou de trapo e así non se perdían as tradicións; ademais nas festas, no canto das orquestras, contratábanse gaiteiros”.
Isabel Vaquero: “Ligar o uso do galego a unha experiencia positiva e lúdica é fundamental para fixar condutas e actitudes lingüísticas dun xeito natural
Este ano celebráronse catro foliadas a través do Programa Apego. Para a concelleira Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, o balance é moi positivo: “Ligar o uso do galego a unha experiencia positiva e lúdica é fundamental para fixar condutas e actitudes lingüísticas dun xeito natural”. A concelleira explica que ao longo destas actividades “fómonos decatando de que existe un gran descoñecemento das nosas cancións populares, e non só entre os pequenos senón tamén entre os seus pais; constatar este feito é o que provocou que se decidira un cambio nas dinámicas das foliadas e se resolvera contar con profesionais que desde un primeiro momento se ocupan de animar o encontro, propoñendo e ensinado cancións e dinámicas de baile”.