26 Febreiro, 2026

Ames acolle a priomeira proba de ciclismo de montaña da Transgalaica 2026

O Concello de Ames, en colaboración co club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay (Transgalaica) acolle este domingo 1 de marzo unha nova edición da carreira ciclista Transgalaica, un dos circuítos de BTT máis importante do noroeste español e unha das citas con maior repercusión no mundo do ciclismo. Nesta décima entrega que se organiza en Ames hai inscritos 345 ciclistas (334 na Transgalaica e 11 na Transgalaica do futuro correspondente á categoría júnior). A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 32 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces, facendo así en total unha proba de 64 quilómetros.

Restricións de tráfico previstas esta fin de semana 
O desenvolvemento da proba obrigará a establecer unha serie de restricións no tráfico rodado local. Deste xeito, prohibirase o estacionamento na avenida José Luis Azcárraga dende o sábado 28 de febreiro, ás 23.00 horas, ata o domingo 1 de marzo, ás 15.00 horas. Tamén haberá cortes de tráfico nesta avenida José Luis Azcárraga ata a aldea de Capeáns o domingo1 de marzo dende as 7.30 ata as 15.00 horas. 

Por este motivo, e para garantir a seguridade e integridade dos participantes e demais veciñanza, recoméndase evitar as vías mencionadas e utilizar un desvío alternativo dende Covas cara a Bertamiráns: DP-0203 (Augapesada – Bertamiráns), AC-453 (Roxos – Portomouro) e AC-543 (Santiago – Bertamiráns). Podes consultar a información completa na seguinte ligazón.