8 Maio, 2017

Ames acolle o Dépor Campus que organiza o RC Deportivo da Coruña

O Dépor Campus terá lugar entre os días 3 e 14 de xullo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns

Por segundo ano consecutivo Ames acolle o Dépor Campus que organiza o RC Deportivo da Coruña en colaboración co Concello de Ames e o Bertamiráns FC. O Dépor Campus terá lugar entre os días 3 e 14 de xullo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. O campus dividirase en dúas quendas, a primeira do luns 3 ao venres 7 de xullo, e a segunda do luns 10 ao venres 14. Os rapaces e rapazas poderán participar unha semana ou as dúas semanas das que consta o campus. Ambas quendas terán un horario de 10:00 a 14:00 horas. No Dépor Campus poden inscribirse nenas e nenos de entre 6 e 14 anos, tanto do Bertamiráns FC como xogadores e xogadoras doutros clubs. Os técnicos do RC Deportivo conducirán todas as sesións e aos rapaces e rapazas participantes entregaráselles un equipamento consistente nun pantalón e unha camiseta.

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou “a importancia de realizar este tipo de actividades durante os meses de verán. A primeira edición deste campus foi un éxito polo que seguramente este ano volvan a inscribirse un gran número de nenos e nenas de Ames. Aínda que no noso concello se practican unha gran variedade de deportes, o fútbol segue a ser a modalidade deportiva con máis participantes e con maior número de fichas federativas polo que temos que seguir apostando por estes campus que combinan aspectos formativos con outros lúdicos”. Por último, Miñones tamén animou ao RC Deportivo a organizar un clínic máis específico para rapaces e rapazas de 12 a 17 anos xa que moitos dos mozos/as que teñen estas idades deixan o deporte.

Os obxectivos dos técnicos deportivistas pasan por desenvolver habilidades e conceptos na relación co ou coa opoñente, así como na relación co propio compañeiro ou compañeira.

Trámites de matrícula
Para inscribirse no Dépor Campus de Bertamiráns é preciso entrar en www.deporcampus.rcdeportivo.es. Este ano como novidade todas as inscricións faranse a través desta plataforma web. O custe do campus é de 120 euros -100 con desconto- para unha semana e de 220 euros -180 euros con desconto- por dúas semanas. As persoas con desconto son aquelas socias ou accionistas do RC Deportivo, xogadores ou xogadoras do Bertamiráns FC, familias con dous membros en paro ou familias que inscriban a máis dun fillo ou filla. Neste último aplicaráselle o desconto a cada unha das persoas participantes.