22 Xullo, 2021

Ames asómase ao centenar de casos activos de COVID-19

Os contaxios de COVID-19 continúan a medrar en Ames ao longo do mes de xullo. O Concello informou esta mañá de que, segundo datos da Xunta, son 99 os casos activos agora mesmo no municipio, o que supón 22 máis que a comezos de semana. A incidencia acumulada a 7 días é de 215 casos, mentres que a incidencia acumulada a 14 días é de 277 casos. O Concello volve pedir responsabilidade á veciñanza.

Ames atópase en risco medio por COVID-19, o que significa que a partir do sábado só poderá haber reunións de 10 persoas en exteriores ou 6 en interiores, xuntando como máximo dous grupos de conviventes (a reunión pode incluír máis persoas sempre que se manteña o criterio dos dous núcleos de conviventes). As reunións estarán prohibidas de 3 a 6 da madrugada. Na hostalería, interior e exterior dos locais funcionarán a media capacidade. Non hai peche perimetral en ningún punto de Galicia.

Para máis información ou resolver dúbidas pódese chamar ao número de teléfono 673 73 90 11 ou enviar un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal.