2 Xuño, 2020

Ames colabora coa campaña “Cooperación contra o coronavirus”

Os concellos de Ames, Arteixo, O Barco, Bergondo, Cabanas, Cambados, Malpica, Moraña, Narón, Poio, Ponteareas, Sada, Sandiás, Silleda e Tomiño veñen de sumarse a esta declaración, mediante fórmulas como o acordo plenario, da Xunta de Goberno Local ou por Decreto de Alcaldía.

Ademais, a través da web da Confederación, numerosos cargos electos se adheriron tamén de xeito individual, co obxectivo de dar visibilidade ao apoio do municipalismo á cooperación internacional como instrumento necesario para responder ao desafío global xerado pola Covid19. Así, en xuño tamén se abrirán ás sinaturas da cidadanía en xeral, para promover a defensa deste tipo de políticas públicas municipais.

O manifesto recoñece que “se non actuamos globalmente, o risco de que o virus rebrote ou aparezan novas pandemias será cada vez maior” porque “vivimos nun mundo hiperconectado”. Neste senso, a actuación dos fondos de cooperación “non só se limita á resposta sanitaria inmediata”, senón que fai fincapé en fortalecer as capacidades locais dos países máis empobrecidos para xestionar servizos básicos que lles permitan afrontar calquera crise.

Campaña #OsMunicipiosCooperan
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade puxo recentemente en marcha a campaña #OsMunicipiosCooperan, para poñer en valor a solidariedade internacional dende o ámbito local.

Asemade, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en cuxa Xunta Directiva se encontra o  Concello de Ames, ven de aprobar o investimento de 98.126 euros para frear o impacto do coronavirus en Mozambique e Guinea-Bissau, a través de cinco proxectos que inciden na sensibilización da veciñanza, a dotación de materiais de prevención, o abastecemento de auga ou a saúde da infancia.

O Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.