Ames afondará no seu compromiso co medio ambiente a través dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES). Este Plan resulta da adhesión do municipio, en 2018, á iniciativa europea, asumindo obxectivos de redución na emisión de gases de efecto invernadoiro e de adaptación ao cambio climático.
Para levar a cabo o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), o Concello de Ames conta cunha achega de 11.000 euros. O Concello aprobou a iniciativa do PACES hai un ano.
O Plan de Acción artéllase en dúas partes distintas. A primeira contempla a descarbonización da localidade, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 40% ata 2030. A maior parte deste obxectivo recae sobre o transporte. Tamén se contempla a redución de gases de edificios e instalacións, incluíndo as municipais, como recorda o
concelleiro de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, Manuel Lens. “Alcanzar unha redución do 40% de emisións en 2030 colocará ao Concello de Ames na senda de alcanzar a neutralidade climática para o ano 2050, obxectivo asumido pola política europea do clima”, salienta o edil.
A segunda parte do Plan contempla a adaptación ao cambio climático. Teranse en conta factores como os riscos de temperaturas e choiva extrema, secas ou incendios forestais, entre outros. As avaliacións están baseadas en proxeccións climáticas de Meteogalicia, documentos de ámbito autonómico, como o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA) e o informe Plan Especial de Protección Civil ante o Risco de Inundacións en Galicia (INUNGAL), as avaliacións de risco de ámbito local dispoñibles, como o Plan municipal contra incendios forestais e a experiencia de fenómenos climatolóxicos extremos.
O equipo formado para a preparación do Plan de acción e mailo proceso de redacción do PACES está composto polo concelleiro de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, Manuel Lens, e a responsable da Brigada de Garda Ambiental do Concello de Ames, María Vitoria Arufe. Ademais, contouse co apoio dunha consultora externa e co Centro de Asesoramento a Concellos, dependente do coordinador do Pacto das Alcaldías en Galicia.
O desenvolvemento do Plan sustentarase no investimento público e privado. A execución do conxunto das medidas de adaptación prolongaranse ata o 2030. A programación aprobada tamén dependerá da dispoñibilidade financeira do Concello e doutras fontes de financiamento.