O 1 de decembro conmemórase o Día Mundial de loita contra o SIDA, unha iniciativa de apoio a todas as persoas que conviven co VHI que pon o foco na importancia de buscar unha cura definitiva. A Concellaría de Sanidade lembra á veciñanza a importancia do coñecemento das circunstancias asociadas á doenza e a prevención á hora de controlar a enfermidade.
Moitas persoas lucirán no día de hoxe un lazo vermello. É o símbolo universal que amosa o apoio e a solidariedade coas persoas que viven co VHI. Este ano o lema elixido para a conmemoración do día é “Solidariedade Mundial, responsabilidade compartida”. En todo o mundo desenvólvense actividades de concienciación. Estímase que 900.000 persoas morreron de SIDA en 2019.
“Semella pola menor importancia informativa que se lle dá na actualidade, que a SIDA é unha enfermidade superada. Porén, todos os anos contáxianse e morren milleiros de persoas. Por iso é importante non baixar a garda, coñecer a enfermidade e os modos de previla”, declara a concelleira de Sanidade Luísa Feijoó, quen quere suliñar tamén o importante das administracións locais na difusión do día: “É fundamental tamén que desde as administracións que estamos máis próximas á cidadanía, lembremos e suliñemos a importancia da data”.