O curso de emprendemento e novos horizontes impartirase en Ames a finais de setembro e durante a primeira semana de outubro
O plan de formación da Asociación Terras de Compostela GDR 19, da que o Concello de Ames forma parte, inclúe un curso gratuíto de fomento do emprego e sobre iniciativa emprendedora no medio rural que está dirixido á poboación activa (ocupados e desempregados). O curso de emprendemento e novos horizontes, que é gratuíto, impartirase en Ames a finais de setembro e durante a primeira semana de outubro. Previamente, este mesmo curso realizarase nos concellos de Boqueixón e A Baña.
Esta actividade foi posta en marcha coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames. Comezará o día 28 de setembro e continuará os días 2, 3, 4, 5 e 6 de outubro. Neste caso o devandito curso impartirase nas instalación municipais do Centro de Formación e Emprego Concello de Ames (rúa Costaneira, número 2, de Aldea Nova). A duración inicial é de 30 horas, divididas en sesións de cinco horas durante seis días. O horario no que se imparte esta actividade é de 16:30 a 21:30 horas. O número de participantes por sede será de 15 persoas.
O curso está dividido en catro módulos diferentes. No primeiro abórdase o desenvolvemento local participativo; no segundo os diferentes instrumentos para o desenvolvemento; no terceiro os sectores de intervención económica e mailo DAFO; e no cuarto é ultimo, a empresa e o proxecto económico. A través deste curso búscase a mellora da cualificación dos participantes, e por ende, fomentar a empregabilidade tanto por conta propia como a través do emprendemento a través dunha metodoloxía participativa.
Este curso, que está organizado polo GDR 19 Terras de Compostela, é sufragado pola Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, e o Ministerio de Agricultura.