A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o venres 27 de novembro tres relatorios sobre violencia de xénero, algoritmos e polarización entre a xuventude. A actividade é gratuíta, pero hai que inscribirse previamente.
Ames celebrará o venres 27 de novembro a décimo sexta edición das Xornadas Achégate á Igualdade, que terán lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns. A Concellaría de Benestar Social e Igualdade organiza o encontro con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Baixo o lema «Romper o eco: Xornadas sobre violencia de xénero, machosfera e igualdade», as sesións analizarán como as plataformas dixitais e os algoritmos inflúen na desigualdade e na violencia de xénero.
Ao longo da mañá, tres especialistas ofrecerán relatorios e coloquios sobre a machosfera, o conxunto de foros en liña que promoven unha masculinidade esaxerada e un pensamento misóxino, con forte oposición ao feminismo. As redes sociais e a web potenciaron este fenómeno, que será o fío condutor da xornada.
Programa
A xornada arrancará ás 9.15 horas coa inauguración institucional. Ás 9.30 horas, o crítico e divulgador cultural Oriol Rosell Costa abrirá os relatorios con «A machosfera: contos e lendas», que se prolongará ata as 10.45 horas. Rosell é programador cultural e docente en estudos superiores e de mestrado, e colabora en medios como Eldiario.es e RAC 1.
Despois, entre as 10.45 e as 12.00 horas, o historiador Iván Gómez Beltrán, doutor cum laude en xénero e diversidade pola Universidade de Oviedo, presentará «Algoritmos para a reordenación de xénero: machosfera e womansfera, o seu impacto na violencia de xénero e estratexias para a abordaxe educativa». Gómez Beltrán tamén é investigador social especializado en xénero, feminismo, masculinidade e diversidade sexual.
Tras unha pausa de media hora, a sesión de peche correrá a cargo da socióloga Elisa García Mingo, con «Coñecendo a machosfera, entendendo a polarización de xénero na xuventude». García Mingo é profesora titular de Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid, investigadora principal do grupo DIVISAR e membro asociada do Centre for Transforming Sexuality and Gender da Universidade de Brighton.
Unha cita xa consolidada
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, subliñou «a importancia que ten a organización destas xornadas», que chegan á súa décimo sexta edición e nas que cada ano se abordan cuestións distintas relacionadas coa igualdade de xénero. Segundo explicou, nesta ocasión o foco está na machosfera e nas plataformas dixitais como elementos clave da desigualdade, e destacou que contarán con «grandes profesionais» neste ámbito.
Inscrición previa
As xornadas están abertas a todas as persoas interesadas e son de balde, pero as prazas son limitadas polo aforo da sala e asignaranse por orde de inscrición. Para participar hai que escribir ao correo xornadasachegate@gmail.com. O programa completo pode consultarse na web do Concello de Ames (www.concellodeames.gal).