7 Xuño, 2017

Ames e Negreira limpan a Ponte Maceira para as Noites en Vela do 16

Concelleiros de ambas ribeiras tamén acordaron afondar na solicitude de declaración da Ponte Maceira como BIC (Ben de Interese Cultural)

As brigadas municipais de obras de Ames e Negreira comezaron os traballos de limpeza e roza nas beiras do río Tambre ao seu paso pola Ponte Maceira. Ata este lugar achegáronse durante a mañá varios membros dos gobernos municipais de ambos Concellos, para ver como se iniciaban estes traballos que teñen como obxectivo acondicionar esta zona de cara a temporada estival. Ademais, dende ambos Concellos estanse a realizar as xestións necesarias para declarar A Ponte Maceira como Ben de Interese Cultural (BIC).

O obxectivo de ambos concellos é que estea todo en perfectas condicións de cara ao venres, 16 de xuño, para que o contorno da Ponte Maceira acolla a xornada das Noites en Vela. Neste caso ofrecerase un concerto a cargo do grupo amesán A Requinta da Maía e do grupo de pandereteiras As Tanxugueiras. Este concerto, que comezará arredor das 21:30 horas, está dirixido a todos os públicos.

Asemade, esta mañá, membros do goberno municipal, acompañados da técnica do departamento de Cultura, estiveron cun membro da produtora que se encarga da organización deste evento para ver onde se vai a montar o escenario e mailos equipos técnicos, que nesta edición actuarán ao igual que o ano pasado na pedra situada no río para que o público poida situarse sobre a ponte.