O Concello de Ames adhírese á iniciativa da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e da Secretaría de Cooperación Internacional en apoio a Ucraína. Desta forma, a Concellería de Benestar Social vén de pór en marcha un rexistro municipal de familias de acollida para persoas refuxiadas deste país. A iniciativa coordínana a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e o Servizo de atención ao migrante (SAMI).
Para participar, débese enviar un email a leonardo.pena@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 662 37 70 44. Débese sinalar nome e apelidos da persoa solicitante, número de persoas que integran a unidade familiar, DNI, correo electrónico, teléfono de contacto, enderezo da vivenda, metros cadrados da vivenda e número de persoas que poden acoller.
Por outra banda, a través de Arcea-Adames, JUPEMI, as persoas integrantes do programa Amessan e do Consello Sectorial de Nenas e Nenos, vanse elaborar camisetas, chapas e pulseiras que se porán a venda nun acto solidario a favor do colectivo refuxiado da Ucraína na semana do 21 de marzo. Esta iniciativa tamén está coordinada entre a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e mailo Servizo de atención ao migrante (SAMI).
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, xunto con persoal da OVA e do SAMI, visitou as instalacións da asociación Arcea-Adames, para achegarlles camisetas que decorarán para posteriormente vender no acto solidario que se organizará. Alá agradeceron o traballo da asociación. A vindeira semana farase o mesmo con JUPEMI, obradoiros de Amessan e Consello Sectorial.
Luísa Feijóo agradeceu “a boa acollida destas iniciativas por parte dos diferentes colectivos aos que llo propuxemos e a tódalas persoas que se están achegando e chamando para preguntar como poden axudar”. Asegura Feijoo que “Ames é un concello acolledor e solidario gracias a súa veciñanza”.