4 Xuño, 2020

Ames mira para Oleiros para desenvolver o coworking do Novo Milladoiro

O coworking A Proa en Ames é un proxecto que se mira no espello de iniciativas semellantes por toda a provincia. A Deputación da Coruña e o Concello queren desenvolver axiña un novo espazo de coworking no parque empresarial Novo Milladoiro, centrado nos sectores das novas tecnoloxías e audiovisual. Para coñecer o funcionamento destes espazos colaborativos, unha delegación do Concello encabezada polo alcalde, José Miñones,e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, visitou as instalacións docentro de coworking do Pazo de Arenaza, en Oleiros. Este tipo de visitas servirán, segundo o Concello, para recoller ideas que sexan implementables no futuro coworking amesán. 

O Pazo de Arenaza é o centro piloto da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación. Estes espazos distribúense por Ames, Brión, Boiro, Carballo, Oleiros e Moeche. Son centros de carácter sectorial, adaptados ás necesidades específicas dos sectores produtivos ou profesionais con maior demanda da zona. Na visita de hoxe, a delegación amesá coñeceu a estrutura e xestión do que foi primeiro espazo de coworking posto en marcha pola Deputación, que leva funcionando máis dun ano e se centra na incubación e lanzamento de proxectos de arquitectura, enerxías renovables, interiorismo ou urbanismo.

Unha realidade próxima
O Concello adquiriu recentemente un local de 400 metros cadrados para o coworking de Ames. En abril de 2019 asinou coa Deputación un convenio polo cal o ente provincial financiará algo máis do 35% dos custes do local, cunha achega de 200.000 euros.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, sinalou sobre a visita de hoxe que xa traballa no regulamento que rexerá A Proa e na ordenanza fiscal, “polo que coñecer os aspectos que funcionaron noutros espazos permitirá mellorar o noso espazo colaborativo”.