José Blas García Piñeiro (1969) é o segundo tenente de alcalde do Concello, ademais de deputado provincial. Responsable de organización de Actos Públicos, Marketing e Acción Electoral do PSdG, conversa con AMSGO sobre as relacións entre a Xunta e o municipio e as necesidades de Ames na vindeira lexislatura.
Que balance facedes no Partido Socialista da lexislatura autonómica 2016-2020 para Ames?
A valoración que facemos dende o Partido Socialista ten luces e sombras. Si é certo que houbo algunhas consellerías que investiron e apostaron por Ames, pero a base de moito traballo e de moita insistencia. Un exemplo poden ser a resolución do centro de saúde do Milladoiro ou os convenios de ampliación dos centros educativos. Pero, a día de hoxe, aínda están parados aínda que o Concello xa cumpriu coa súa parte. No caso de Agra do Muíño xa teñen os terreos. A pelota está no tellado da Xunta e esta non moveu ficha. Sobre o centro de saúde, logo de moito traballo e insistencia e máis de vinte anos de espera, foi este goberno o que tivo que reunirse coa consellería de Sanidade e arranxar os problemas xurídicos que había nas parcelas para que a Xunta puidese construír o centro.
Creo que destacariamos a colaboración que sempre trasladou Vicepresidencia da Xunta co tema de emerxencias e de Protección Civil. Pero o resto das consellerías mantiveron un veto claro ao Concello de Ames, un goberno liderado polo Partido Socialista. Xa o viñan mantendo de antes, porque tampouco hai ningún investimento destacable da Xunta de Feijoo en Ames durante o goberno local do PP. Aínda hai menos que cando gobernamos nós.
É certo que a depuradora de Sisalde, que é a nosa grande reclamación, segue parada e non fixeron ningunha modificación, nin proxecto, nin nada. Foi o propio Concello quen tivo que destinar fondos propios. O mesmo pasa coas comunicacións: as estradas autonómicas cuxa seguridade pedimos tantas veces mellorar seguen igual, e o mesmo sucede co transporte metropolitano. Quitando algunha actuación dalgunha consellería, o resto pouco ou nada fixo en Ames. Estes días estamos lembrando que Feijoo non cumpre con Ames.
Que se xoga Ames nestas eleccións?
Xógase reclamacións de moitos anos como a ampliación da depuradora de Sisalde. Ese é o gran reto, porque a depuradora que temos actualmente púxose a funcionar en 2002 para unha poboación de 13.000 habitantes e agora mesmo está dando servizo ao dobre de persoas. Iso, ao final, acábao pagando o medio ambiente, o río Sar. Os grandes retos pendentes de Ames en relación á Xunta son temas medio ambientais, de saneamento e abastecemento. Igual pasou co saneamento e abastecemento das parroquias de Tapia e de Piñeiro, para as cales hai anos que se traballa nun proxecto de saneamento que non dá saído. E mentres non haxa proxecto, non podes facer obras. Tamén hai asuntos pendentes no ámbito das comunicacións ou no ámbito sanitario. No centro de saúde de Bertamiráns vaise facer un investimento, pero segue necesitando unha mellora.
Os retos de Ames son moitos porque, ademais, Ames é un concello -e a propia Xunta “presume” diso ás veces e pono como referencia- cun grande incremento poboacional. Ese incremento ten que ir acompañado por unhas axudas e servizos que a Xunta non nos proporciona. Por exemplo, no ámbito da conciliación, que asume por completo o Concello, ou en infraestruturas deportivas que temos que asumir nós con fondos propios.
Os retos son eses: seguir medrando en poboación sen perder servizos para a cidadanía; mellorar as comunicacións e a seguridade nas infraestruturas autonómicas e o saneamento e abastecemento, así como o coidado do medio ambiente, cos proxectos de Sisalde, de Tapia ou Piñeiro.
Que expectativas ten o PSdG nestas eleccións?
As expectativas son seguir sendo primeira forza política en Ames. Estamos gañando todas as eleccións, algo que non pasaba ata que chegamos ao goberno. E, sobre todo, que en Galicia haxa un cambio, porque Feijoo non cumpre con Ames, e Ames necesita ter alguén na Xunta que defenda, ademais dos xerais, os intereses do noso municipio, das veciñas e veciños. Esperamos que Gonzalo Caballero sexa o próximo presidente da Xunta e defenda eses intereses. Sempre amosou unha boa sintonía con Ames. Estivo en tres ocasións aquí na campaña e na precampaña, e sempre que vén pon como un referente a seguir a xestión deste Concello. Esperamos que haxa un cambio de goberno.