O Goberno municipal anunciou o pasado 29 de maio a apertura do prazo de inscrición nas Escolas de Verán do Concello. Este servizo de conciliación perderá, segundo considera Ames Novo, efectividade este ano pola escasa marxe de tempo que dá ás familias para inscribirse. Esta marea local considera que a aplicación de “criterios moi restritivos para poder solicitalo xunto coa brevidade do prazo para inscribirse”, de 8 días, teñen “un claro obxectivo de redución substancial das prazas ofertadas” .
O concelleiro de Ames Novo Quique Costas denunciou hoxe que “o anuncio da convocatoria supuxo unha sorpresa desagradable” ao ter lugar só “media hora despois da reunión mantida pola Xunta de Voceiros, na que o goberno local deu conta das súas actuacións durante a última semana e concertou cos grupos da oposición numerosas iniciativas sen que o Concelleiro de Educación mencionase sequera a súa intención de abrir prazos”. Ames Novo acusa ao Goberno local dunha ocultación deliberada que contradí a transparencia por parte do executivo e a busca de consensos por parte dos grupos que integran a oposición municipal que caracterizaron o Estado de Alarma en Ames.
Ames Novo denuncia tamén que os termos en que está redactado o anuncio da convocatoria limitan a oferta a “ só a aquelas unidades familiares empadroadas no Concello de Ames onde os dous proxenitores xustifiquen debidamente a necesidade de conciliación”. Esta condición “implica unha restrición respecto do que establece o Regulamento do servizo, que no seu artigo 10 dí que poderán acceder a el as familias que acrediten esa necesidade de conciliación de vidalaboral e familiar por un ou ambos proxenitores/titores”. Ames Novo sinala tamén que se non se fai mención ás familias monomarentais ou monoparentais. O partido local o considera que se pretende reducir o número de usuarias do servizo. Quique Costas considera “sorprendente que nas circunstancias que estamos como consecuencia da pandemia da Covid-19, lonxe de ampliar a oferta de servizos de conciliación, esta se reduza” . A formación defende apostar fortemente por este tipo de servizos para afrontar a crise social causada pola pandemia.