18 Outubro, 2021

Ames organiza dúas sesións de auto aprendizaxe para a exploración polo día de loita contra o cancro de mama

Ames prepárase para a celebración, mañá martes 19, do Día Mundial de loita contra o cancro de mama. Farao a través de dúas sesións de auto aprendizaxe de exploración mamaria, unha sesión de zumba solidaria e do “tinguido” de rosa da fachada do Concello. A primeira das sesións levarase á cabo ás 19h de hoxe no Pazo da Peregrina, a cargo da matrona do Centro de Saúde de Bertamiráns. A segunda será nas instalacións do antigo centro de Saúde do Milladoiro, e terá lugar o xoves, 21 de outubro, ás 19h. A entrada será libre ata completar aforo, con inscrición en promociondasaude@concellodeames.gal ou no teléfono 649 450 264.

O departamento de Sanidade do Concello busca así concienciar á veciñanza sobre a detección precoz da doenza, visibilizando o problema para que se continúe a investigar.

O Centro VeOne ofrece mañá, martes, dende as 19:30h unha clase de zumba solidaria para colaborar coa Asociación Española Contra o Cancro. Haberá unha mesa informativa no centro deportivo da Praza Horta de Arriba (piscina). Neste caso non se necesita inscrición previa.

A  concelleira, Luísa Feijóo, quere agradecer, tanto aos Centros de Saúde como ao Centro Deportivo VeOne a colaboración prestada: “Esta doenza cada vez ten máis repercusión nas mulleres, aínda que non podemos esquecer que tamén afecta a homes, e é sabido que a detección precoz da enfermidade é vital á hora de superala; afortunadamente hai un grande índice de supervivencia, porén segue sendo moi necesario continuar coa investigación e datas coma esta axudan”.