Calquera persoa, asociación ou entidade de Ames poderá presentar os seus proxectos para a gravación e emisión dun programa de radio
O Concello de Ames ven de abrir unha convocatoria para presentar proxectos de programas de radio para emitir entre os meses de outubro e decembro en Ames Radio. Así, calquera persoa, asociación ou entidade de Ames poderá presentar os seus proxectos para a gravación e emisión dun programa de radio. A presentación dos proxectos realizarase a través dos rexistros do Concello en Bertamiráns ou no Milladoiro.
Co obxectivo de achegar a radio municipal á veciñanza, o Concello de Ames abre as portas de Ames Radio para que calquera persoa, asociación ou entidade do concello poda facer un programa de radio. Tamén poderán presentar proxectos en Ames Radio outras persoas, asociacións ou entidades non residentes no concello cando resulten de interese para o Concello de Ames ou estean protagonizados por persoas residentes ou nadas no municipio ou que traballen nel, así como por asociacións e colectivos do Concello. Neste caso presentará o proxecto unha persoa coordinadora, que deberá ter un mínimo de 18 anos de idade.
A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, explica que “con esta convocatoria, que agardamos que teña moito éxito e faga xurdir unha morea de novos talentos radiofónicos e programas en Ames Radio, comezamos a ampliar a participación na radio, un medio público que debe estar ao dispor das veciñas e veciños para lle ofrecer información do Concello pero tamén para ser canle das súas inquedanzas e saberes. Para o vindeiro curso tamén se abrirá a programación da radio municipal ás escolas e institutos”.