2 Setembro, 2021

Ames Radio volve pór os seus micros á disposición da veciñanza

Un ano máis, Ames Radio abre as súas portas e ofrece á cidadanía a posibilidade de conducir o seu propio programa de radio. Ata o próximo día 21, calquera persoa, asociación ou entidade pode presentar proxectos a través dunha ficha de solicitude enviada a radio@concellodeames.gal.

Segundo estipulan as bases, poderán presentar propostas para a grella de Radio Cidadá asociacións e entidades do concello e calquera persoa maior de 18 anos ou de 16 se conta con autorización dos seus titores legais. Aceptaranse proxectos presentados por entidades, asociación ou persoas non empadroadas no concello sempre que as súas propostas resulten de interese para o municipio amesán ou estean protagonizadas por persoas residentes, nadas ou que traballen en Ames

Debido á pandemia, os programas só poderán contar con dúas persoas ao mesmo tempo na emisora, aínda que pode haber ata cinco por proxecto.